PP Ponteareas: “O 2021 foi un ano pésimo para a nosa vila”

A súa portavoz municipal Belén Villar fixo balance da xestión do bipartito

Ponteareas | “O bipartito BNG-PSdeG/PSOE rompeu o consenso e o diálogo cos veciños de Ponteareas”. Así comezou a súa intervención Belén Villar, portavoz do Grupo Municipal do PP Ponteareas, no Balance 2021 realizado polo seu partido este mércores 19 de xaneiro, un ano que non dubidou en cualificar como “pésimo para a nosa vila”.

“Neste 2021 tivemos un bipartito con cero diálogo o que derivou en máis crispación. Apostaron polo caos no casco urbano e por abandonar ás parroquias”, explicou Villar, identificando tamén a instalación da caldeira de biomasa na vila ponteareán como “un momento tenso” que certificou esa falta de diálogo por parte do goberno bipartito.

Villar tamén considerou ao actual goberno municipal como “o máis caro da historia de Ponteareas”, tomando en conta a “suba de salarios no peor momento” da pandemia da COVID-19, informando dun incremento “do 94%”, pasando de “186.000 a 357.000 euros” e “pagado por tódolos veciños de Ponteareas”.

“O actual goberno municipal é o máis caro da historia de Ponteareas”

A portavoz dos “populares” enfatizou no desempeño económico do goberno presidido pola nacionalista Cristina Fernández Davila e do seu socio socialista no goberno bipartito municipal, “cunha débeda de máis de 14 millóns de euros” así como “menos investimentos, recortes de servizos esenciais e aumentos das sancións e tributos” aos veciños ponteareáns.

“O bipartito BNG-PSdeG/PSOE bateu récords de recadación tributaria, con 55 millóns de euros” pero ó mesmo tempo aumentou a débeda da vila “para os próximos 20 anos”, cun “despilfarro en gastos” e “a solicitude de préstamos en mais de 20 millóns de euros”.

Criticou igualmente a “falta de planificación” do goberno municipal, a “privatización dos servizos”, un “PXOM sen solo industrial nin actualización das licenzas” que, ó mesmo tempo, “soluciona problemas urbanísticos pero xera outros” e que “non permite construír vivenda familiar no rural”. Tamén criticou o “plan de tráfico e peonalización de rúa” realizada polo goberno bipartito que xerou “un caos circulatorio sen precedentes”.

Tamén referiuse ao PSdeG/PSOE: “Non entendemos a súa actitude”, considerando que o goberno de Cristina Fernández Davila “ningunea ao seu socio socialista” que é “a chave do goberno municipal”. “Ponteareas non merece este goberno”, sentenciou Villar. Así, a portavoz do PP Ponteareas revelou igualmente que este “ninguneo” do BNG aos socialistas permitiu certas “coincidencias en puntos de vista” entre o seu partido e o PSdeG/PSOE.

“O 2021 foi un mal ano para Ponteareas”, explicou Villar, quen tamén respondeu que neste 2022 esforzarase en “gañar a confianza e a credibilidade da veciñanza ponteareán”, con especial enfoque no mundo rural e das parroquias, onde existe “malestar social” ante a preferencia do bipartito por investir e fortalecer o casco urbano.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.