Portugal: difíciles equilibrios con ecos trumpistas

O ascenso da ultradereita de Chega! condiciona os pactos de gobernabilidade tralas eleccións lexislativas

Norte de Portugal | Os comicios lexislativos portugueses deste 10 de marzo deron a vitoria pola mínima á plataforma conservadora Alianza Democrática (AD), conformada por partidos de dereita e centrodereita como o PSD, CDS-PP e PPM e liderada por Luís Montenegro, poñendo así fin a nove anos de gobernos socialistas en mans do ex primeiro ministro António Costa.

Os resultados amosaron un novo Parlamento de paridades e complexos equilibrios. AD obtivo o 29,55% dos votos e 79 deputados, practicamente igualado co PS (28,68%. e 77 deputados) A ultradereita de Chega! convértese na terceira forza parlamentaria (18,08%, 48 deputados) Máis afastados están Iniciativa Liberal (5,05%, sete  deputados), Bloco de Esquerda (4,44%, cinco deputados), Coalición Democrática Unitaria, CDS (3,3%, tres deputados), Livre (3,2%, catro deputados) e o Partido Animalista PAN (1,92%, un deputado)

A paridade entre AD e o Partido Socialista (PS) liderado por Pedro Nuno Santos é evidente: 79 e 77 deputados respectivamente. O gañador Luís Montenegro (51 anos) xa adiantou o seu rexeite a pactar co líder de Chega!, André Ventura, o cal anuncia a súa aparente vontade de gobernar en minoría, afrontando difíciles equilibrios para a nova lexislatura.

Vista a paridade AD-PS e ante o inquietante ascenso de Chega! non se descarta en Lisboa un revival da “Gran Coalición” á alemá como a acaecida en Berlín entre 2005 e 2009 coa conservadora Ángela Merkel gobernando cos socialistas. Con todo, o PS xa anunciou que estará na oposición e non forzará para conformar un goberno de esquerdas. Un goberno en minoría de Montenegro con Chega! apretando no Parlamento e complicando a estabilidade política podería eventualmente propiciar unha nova convocatoria electoral a mediano prazo; un escenario similar ao vivido en España entre 2015 e 2019.

O ascenso de Chega!, que pasou de 12 a 48 deputados e alcanzou un millón de votos, complica claramente a estabilidade do novo goberno en Lisboa. Un exultante Ventura chamou a gobernar para “limpar Portugal da extrema esquerda”. En caso de concretarse un pacto tácito entre AD e PS (os socialistas xa anunciaron que non bloquearían o nomeamento de Montenegro como novo primeiro ministro) estaríamos ante unha estratexia claramente deseñada para afirmar un cordón sanitario que evite un maior peso político para Ventura e Chega!

“Unha pacto tácito entre AD e PS buscaría crear un cordón sanitario lexislativo contra Chega!”

O presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa ten agora na súa man un escenario moito máis complexo, con difíciles equilibrios políticos e cun populismo de dereitas de claro tinte trumpista en ascenso.

Con todo, Chega!, aliado de VOX (que, polo contrario, amosa unha tendencia descendente nas preferencias políticas españolas) terá agora un maior peso dentro da Asemblea da República.

Este ascenso de Chega! pode ser interpretado dentro da tendencia global de ascensos políticos e electorais de partidos de ultradereita, algúns deles de inspiración trumpista, tomando en conta as vitorias de Javier Milei na Arxentina, de Nayib Bukele en O Salvador e, no caso europeo, con Giorgia Meloni en Italia, Viktor Orban en Hungría e Roberto Fico en Eslovaquia. Un serio aviso sobre os ascensos destes populismos de dereitas de cara ás eleccións parlamentarias europeas de xuño próximo.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.