Galicia ante a caída do goberno de António Costa en Portugal

Ecos mediáticos dun escándalo de explotación de litio na fronteira galego-portuguesa

Norte de Portugal | Mentres Madrid ardía en protestas contra as amnistías do PSOE ao procés catalán, un incendio político vivíase este martes 7 de novembro no Pazo de São Bento en Lisboa. O primeiro ministro portugués, o socialista António Costa, anunciaba a súa dimisión atrapado por un escándalo de corrupción.

Un escándalo que, segundo informa o Faro de Vigo este mércores 8, tería que ver coas concesións dunha mina de litio na fronteira con Galicia. Pola súa banda, La Voz de Galicia facía unha retrospectiva de Costa, o artífice desde 2015 da “milagre económica portuguesa” que caía agora por escándalos de corrupción. El Diario de Pontevedra tamén informaba sobre a dimisión de Costa. Co mesmo foco do Faro de Vigo, La Región de Ourense reflectía a influencia nesta dimisión do escándalo do litio na localidade de Montalegre, na fronteira lusa con Galicia. Este xornal tamén informaba sobre a oposición veciñal a este proxecto de explotación de litio, denominado en Portugal como Sepeda-Morgade. Mesmo tratamento sobre o impacto da mina de litio de Montalegre na caída de Costa facían o coruñés El Ideal Gallego e El Correo Gallego dende a capital galega.

Mentres, Portugal debate o día despois da caída de Costa toda vez o primeiro ministro anunciará aos partidos políticos a eventual disolución do Parlamento, á espera de se hai anuncio de sucesión no goberno vía Partido Socialista ou adianto electoral. O país está tamén pendente dos escenarios que se abren e da decisión que tome o presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa. No editorial de Público falábase incluso dunha crise política que anuncia unha “crise de réxime”.

Un tema sensible para Galicia ten que ver sobre qué sucederá a partir de agora coa promesa realizada en 2022 por António Costa de impulsar o AVE Lisboa-Vigo, reiterada incluso días atrás da súa dimisión. Sen Costa no goberno e ante a posibilidade dun cambio político en Lisboa en caso de adianto electoral, Galicia debe estar atenta sobre a continuidade e o futuro dunha infraestrutura vital para o seu desenvolvemento económico.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.