#PontevedraProvincia, mellor destino SICTED en Fitur

Converte a Rías Baixas no único destino galego galardoado
A Deputación de Pontevedra recollerá no marco de FITUR o premio que vén de conseguir a provincia como Mellor Destino SICTED de toda España nos XII Premios de Calidade Turística en Destino.

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra recollerá no marco de FITUR o premio que vén de conseguir a provincia como Mellor Destino SICTED de toda España nos XII Premios de Calidade Turística en Destino, outorgados polo Ministerio de Turismo. A provincia convértese deste xeito no único territorio galego entre os 19 destinos galardoados nesta edición do certame.

A presidenta Carmela Silva sinalou que “somos o destino de maior calidade de España deste ano, polo que cómpre dar os parabéns a todas e todos por este recoñecemento ao labor que realizamos desde a institución”.

A responsable provincial agradeceu por iso o sector privado da provincia, “polo seu compromiso e bo facer e por apostar por sumarse a este distintivo de calidade turística nos destinos”, e ratificou a aposta provincial polo turismo de calidade. “Seguimos avanzando porque a nós impórtanos o sector turístico, traballamos por el, e este recoñecemento ao mellor destino de calidade turística é un recoñecemento que nos impulsa a traballar aínda máis e mellor”.

O pasado ano a Deputación xa vira recoñecido o seu traballo na edición destes premios, acadando o galardón á mellor persoa xestora do SICTED grazas ao plan de formación de calidade implementado pola institución, que impulsou que máis de 300 establecementos turísticos da provincia (302) xa teñan acadado o distintivo.

Ademais, a Deputación está a traballar con arredor doutros 50 establecementos que están a piques de recibir o SICTED, o que elevaría potencialmente ata 350 o número de establecementos distinguidos.

Cómpre lembrar que Pontevedra é a provincia con maior número de establecementos adheridos. Para seguir sumando novos establecementos, a Deputación acaba de renovar a súa aposta polo servizo de implantación e desenvolvemento do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos, cun orzamento próximo aos 240.000 € e durante 27 meses.

Este novo éxito para a Deputación de Pontevedra referenda de novo a postura da institución provincial no ámbito turístico nun dobre sentido. En primeiro lugar, por camiñar do lado do sector turístico, implicándoo en todas as accións, consensuando con el as liñas de traballo e implementando programas que axuden as empresas da provincia a acadar a excelencia turística.

E, en segundo lugar, por sumar un recoñecemento máis na longa lista de méritos conseguidos este último par de anos polas campañas de promoción turística da provincia lideradas pola Deputación, de feito que a institución provincial acadou o título do mellor audiovisual turístico do mundo en 2 anos consecutivos por “Fame de experiencias?” e “Sigue o teu instinto”, tras acadar estes un total de 24 premios internacionais en diferentes festivais turísticos de todo o mundo. O premio á provincia de Pontevedra como Mellor Destino SICTED de España nos XII Premios de Calidade Turística en Destino entregarase o vindeiro xoves 20 de xaneiro ás 11:00 horas no marco da feira FITUR e recollerao a presidenta da Deputación.