Pontevedra reivindica o ocupación das rúas polos nen@s nun curso de Mobilidade

NEA-Pontevedra mobilidade

Pontevedra | “Intervencións curtas e moi debatidas” falan, en palabras do intendente principal de Policía Local, Daniel Macenlle, do interese amosado polos asistentes ao curso “Estratexias de intervención en educación viaria para unha mobilidade segura” celebrado hoxe na Escola Galega de Administración Pública (Egap). Un encontro ao que asistiron máis de un cento de persoas, as máis profesores e profesoras de Educación Infantil, Primaria e Secundaria de toda Galiza, policías locais e representantes da DGT.

Os obxectivos do curso eran dar respostas aos docentes que traballan en proxectos de mobilidade e aprender novas fórmulas e estratexias eficaces para traballar neste eido nos centros de ensino. Daniel Macenlle e o responsábel do departamento de Seguridade Viaria da Policía Local, Antonio Duarte expuxeron e avaliaron a experiencia dos camiños escolares de Pontevedra e a dilatada traxectoria do programa de educación viaria desenvolvido con alumnos de colexios e institutos pero tamén con mulleres embarazadas, persoas da Terceira Idade ou mozos e mozas que tiveron un primeiro mal paso coa Xustiza.

Os camiños escolares non se entenden sen o modelo urbano que temos e que suscitou numerosas preguntas. Daniel Macenlle vencellou os camiños seguros a obxectivos como o fomento da autonomía persoal, a prevención da obesidade, a familiarización co entorno, a aprendizaxe da convivencia e o xogo. O intendente principal reivindicou o xogo como un elemento esencial do desenvolvemento persoal e o xogo comunitario, na rúa e nas prazas da cidade, algo que é posíbel nunha cidade peonalizada como Pontevedra.

Outros artigos