“Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”

Deputación de Pontevedra e a USC presentaron esta mostra itinerante da emigración

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra e a Cátedra Iberoamericana da USC presentaron hoxe a mostra itinerante “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”, exposición que xorde no marco do convenio entre ámbalas dúas institucións para poñer en valor a historia das mulleres da e na emigración, rescatando a súa experiencia e devolvéndolles o protagonismo que lles corresponde.

Arranca o xoves 31 de marzo no exterior do Pazo provincial en Pontevedra e percorrerá os concellos do Grove, Vila de Cruces, Vilagarcía, Silleda, Cerdedo-Cotobade, Soutomaior e Redondela, que marcan para as mulleres da mostra unha parte importante da súa experiencia vital. Son trece mulleres da talla de Isabel Barreto, Mercedes Ruibal, Teresa Táboas, Elena Colmeiro, Virxinia Pereira, Nélida Piñón, Anisia Miranda, Lorena Lores, María Araújo, Josefa Emilia Sabor, Mariví Villaverde, María Vinyals e Isabel Gómez para as que o tempo vivido en América e en Pontevedra constitúe o nexo de unión.

A presidenta, Carmela Silva, xunto as “ideadoras” da mostra, María Cadaval, María Xosé Rodríguez Galdo e Rosario Sarmiento, animou a coñecer a experiencia vital de mulleres “tan potentes, que son a nosa historia, historia roubada que nós recuperamos para que a sociedade coñeza todas as súas aportacións”. “A mostra –explicou – presenta a mulleres nadas na provincia de Pontevedra que emigraron, ou nadas na emigración pero cunha orixe pontevedresa, que xogaron un papel fundamental e imprescindible, aínda que invisibilizado, completando así a historia da relación entre Galicia e América”.

O obxectivo, tal e como explicou a directora da Cátedra Iberoamericana da USC, María Cadaval, é “contar a parte invisibilizada da historia da emigración, a das mulleres”. “Sempre se conta o papel tan relevante, recoñecido e admirado, dos homes, pero o certo é que houbo mulleres, que foron piares fundamentais e encabezaron casos de éxito na emigración, e nunca se lles recoñeceu”, subliñou Cadaval.

“Non é de recibo –engadiu- que nesta provincia non se coñeza a grandes mulleres que fixeron historia e son moi importantes para o desenvolvemento da vida económica, social e persoal”. Por estes motivos adiantou que será “a primeira doutras que virán, para que as historias das nosas cheguen á nosa xente.”

Pola súa banda a catedrática María Xosé Rodríguez Galdo, quen agradeceu a “receptividade da Deputación para facer realidade a mostra”, remarcou que “hai que agrandar a mirada. Os datos están aí pero non os vemos, estamos afeitas e afeitos, porque así nos ensinaron, a ver nunha soa dirección. Este é o problema”.

Neste mesmo eido afondou Rosario Sarmiento, quen destacou que “correr é moi duro, chegar é moi duro. As mulleres estamos en todos os ámbitos, saímos a correr pero quedamos sempre nas últimas posicións”.

Trece mulleres protagonistas
A mostra exponse en catro cubos que presentarán tanto os obxectivos da exposición como as biografías e fotografías das trece mulleres protagonistas. Durante a xornada inaugural, en cada un dos concellos nos que se expoña “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”, haberá unha conferencia que servirá para render homenaxe ás mulleres especialmente vinculadas coas localidades que acollen a mostra.

En Pontevedra as mulleres “protagonistas” serán Isabel Barreto, Mercedes Ruibal e Teresa Táboas, especialmente vencelladas coa cidade do Lérez. Sobre elas falarán María Xosé Rodríguez, Rosario Sarmiento e a propia Teresa Táboas nunha conferencia que terá lugar o vindeiro 31 de marzo no Salón de Plenos trala inauguración da mostra.

O seguinte punto de parada da exposición será Silleda no que se renderá homenaxe a Elena Colmeiro e Virxinia Pereira a cargo de Rosario Sarmiento e Montse Fajardo. Pola súa banda, en Cerdedo-Cotobade será protagonista Nélida Piñón, sobre a que afondará Carmen Villarino. A continuación, a mostra recalará en Vila de Cruces onde Pilar Sampedro renderá homenaxe a Anisia Miranda. Xa no Grove a propia Lorena Lores falará da súa traxectoria vital e en Vilagarcía María Xosé Porteiro e María Antonia Pérez afondarán na vida de María Araújo, Josefa Emilia Sabor e Mariví Villaverde. En Soutomaior, Silvia Cernadas renderá homenaxe a María Vinyals e xa cara o último trimestre do ano Redondela acollerá a última parada de “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino” coa conferencia de Lara Graña centrada en Isabel Gómez.

Outros artigos