Pontevedra abre a V Xornada de Actualización para adestradores de fútbol de Galicia

Formación para renovar as súas licenzas de cara á temporada 2025/2026

Pontevedra | A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este luns na Cidade Infantil Príncipe Felipe á apertura da V Xornada de Actualización e Reciclaxe para Adestradores de Fútbol que organizou a Federación Galega de Fútbol nas instalacións provinciais.

A vicepresidenta puxo o foco na importancia da xornada, cuxas horas de formación resultarán cruciais para que os adestradores poidan renovar as súas licenzas de cara á temporada 2025/2026.

Luisa Sánchez destacou que a xornada trátase “dunha grande oportunidade para que os adestradores poidan exercer coa máxima seriedade e as máximas garantías” e fixo alusión aos convidados especiais do encontro, José Mari Bakero, Jon Mikel Arrieta, Santi Denia e Francisco Rodríguez, “auténticas lendas do fútbol e grandes referentes para as súas carreiras”.

A vicepresidenta da Deputación asegurou que “Pontevedra convértese no epicentro do fútbol galego e deste xeito avanzamos nun dos grandes retos e obxectivos da nosa folla de ruta: queremos ser o maior escaparate do deporte mundial, acoller grandes concentracións e competicións de alto nivel” para “consolidar o poder de atracción da provincia”.

Isto, valorou, será posible “porque contamos con grandes profesionais e federacións realmente implicadas co desenvolvemento do deporte”.

III edición da BTT de Tomiño
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar este domingo na terceira edición da proba de ciclismo de montaña BTT Tomiño. A cita consistiu nunha marcha cicloturista polas rúas, pistas e camiños forestais do municipio tomiñés cun percorrido de 61 quilómetros na modalidade longa e de 40 quilómetros na opción curta e que conta con ata 1.500 metros de desnivel.

Coa súa participación nesta proba ciclista, o mandatario provincial amosa a aposta da Deputación polo deporte, que non só se traduce no apoio a actividades como esta proba ciclista, senón tamén ao fomento da actividade física e a organización de eventos deportivos de interese social en concellos de toda a provincia.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.