Ponteareas | O Ateneo Amado Garra preséntase publicamente este venres 17, Día das Letras Galegas, ás 12 do mediodía, nun acto na Sala Multiúsos do Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas no que, ademais, se renderá homenaxe a Alejandro Viana e Pastor Candeira, ponteareáns responsabeis do rescate e evacuación dos refuxiados republicanos en Francia en 1939 e 1940.
O Ateneo Amado Garra é unha asociación inspirada nos valores e principios do político republicano, agrarista e xornalista ponteareán que persegue dous obxectivos. Por unha banda pretende dinamizar a vida da localidade en todos os ámbitos, dende a cultura en todas as súas expresións como a literatura, a música ou as artes plásticas e escénicas, até a historia, a arqueoloxía ou a memoria democrática, pasando polo medioambiente, a lingua, o espazo público, a igualdade, os dereitos humanos, a ciencia, o deporte ou a economía.
Por outra parte, o obxectivo do Ateneo é organizar e canalizar toda a enerxía colectiva e o capital humano existente na localidade para contribuír a sermos unha sociedade mellor. Según o Presidente do Ateneo, Roberto Mera, “queremos aunar a vontade e o desexo de centos de persoas que queren achegar as súas capacidades, os seus coñecementos e a súa experiencia en todos os campos da sociedade actual e poñelos ao servizo de Ponteareas, da comarca e do País”.
No acto farase unha homenaxe a Alejandro Viana, coincidindo co aniversario do seu nacemento, e a Pastor Candeira. Ambos os dous, políticos republicanos, foron responsabeis entre 1939 e 1940 da evacuación en barco de 17.000 refuxiados republicanos dende Francia e da atención humanitaria aos centos de milleiros de refuxiados neste país tras a Guerra Civil. Ademais de Mera, autor das biografías de Amado Garra e de Alejandro Viana, galardonadas cos Premios de Investigación Bouza Brey e Losada Diéguez, intervirá tamén no acto a vicepresidenta do Ateneo, María Xesús Rodríguez. O evento inclúe música ao vivo, a proxección de varios audiovisuais sobre a vida de Viana e Candeira, o sorteo de libros e finalmente un xantar na Casa Cultural de Arcos, con reserva previa.