Pontereas coñeceu hoxe o proxecto de trazado da N-120 ao seu paso por Xinzo, Areas e Arnoso

Alcalde, concelleira de Vías e Obras e representantes da plataforma pola mellora da seguridade viaria da N-120 reuníronse hoxe coa subdelegada do Goberno en Pontevedra e co xefe da unidade de estradas do Estado

Ponteareas | O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a concelleira de Vías, Obras e Alumeado, Chus Garrote reuníronse hoxe coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, que lles avanzou a redacción do deseño de trazado de mellora da N-120 ao seu paso polas parroquias de Xinzo, Areas e Arnoso. Na xuntanza tamén participaron o xefe da Unidade de Estradas do Estado en Pontevedra, Pablo Domínguez, un representante da empresa redactora do proxecto de trazado e membros da plataforma pola mellora da seguridade viaria da N-120.

Maica Larriba informou aos asistentes que “se trata dun tramo de vía de 5 quilómetros, que vai contemplar a construción de seis rotondas que mellorarán a mobilidade na estrada e garantirán unha maior seguridade, evitando os xiros á esquerda”. Así mesmo engadíu que o deseño do novo trazado contempla unha senda peonil ao longo dos 5 quilómetros que se alternará entrambas marxes da estrada, alén dos conseguintes pases de peóns.

O encontro mantido entre os representantes e técnicos da Administración Xeral do Estado e do Concello, así como cos veciños das parroquias afectadas, buscaba “mellorar a coordinación entre as diferentes Administracións e a propia plataforma veciñal, amais de adiantarlles o traballo realizado ata agora pola Demarcación de Estradas do Estado”.

Maica Larriba quixo subliñar “o compromiso do Goberno e desta Subdelegación coa veciñanza de Ponteareas, que se concreta neste proxecto de trazado que da resposta a unha reclamación histórica da localidade”. A subdelegada agradeceu, así mesmo, “a boa recepción entre os veciños e o equipo de Goberno da proposta, que supón a materialización dun primeiro paso para atender a demanda dos habitantes destas parroquias”.

Unha vez rematado, o proxecto de deseño de trazado someterase a un período de información publica, durante o cal tanto o Concello como calquera veciño poderá presentar as alegacións que considere oportunas. Concluído dito período e unha vez resoltas todas as alegacións presentadas, procederase á licitación do proxecto construtivo definitivo e, posteriormente, á licitación e execución das obras.

Pola súa banda, o alcalde de Ponteareas agradeceu á subdelegada o seu compromiso coa vila e valorou a súa boa disposición, así como o feito de que a veciñanza puidera coñecer xa como será a reforma do vial. “A reunión de hoxe é unha mostra da boa interlocución de Ponteareas co goberno do Estado e co Ministerio de Estradas e tamén un feito que nos permite coñecer os pasos que se van dando e o cumprimento do compromiso para darlle solución a esta estrada pola que pasan 17.000 vehículos diairos nun tramo con alta densidade de poboación nas marxes”.

A concelleira Chus Garrote manifestaba que “se materializa o compromiso real do Estado e que queda claro que o Ministerio de Transportes xa ten un proxecto enriba mesa, un proxecto que recolle as aportacións e demandas tanto da plataforma como do goberno local”.

Publicado o 16 Out 2020 en Ponteareas, Portada, Urbanismo.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!