Ponteareas volve ser noticia ante a falta de Policía Local


Ponteareas/ACiP | Este pasado venres unha pelexa termina coa intervención dunha patrulla dun policía local e un auxiliar de policía que acaba de incorporar esa semana a este Concello, resultando lesionados.

Grazas á intervención de varios veciños, o policía e o seu auxiliar non saíron peor parados. Agradecemos a intervención anónima deses cidadáns que ven como Ponteareas é cada día mais insegura, vendo que os políticos locais crúzanse de brazos e o único que venden é propaganda que co tempo envórcase en imaxe das súas mentiras.
Ante esta situación ACiP presentou ante a Alcaldesa en funcións que convoque urxentemente a xunta de Portavoces para que dean as explicacións necesarias do que pasou, e o máis importante, que foi o que fallou.
Todo comezou cunha pelexa nunha rúa de Ponteareas cando os veciños chamaron á Policía Local, e só acudiu unha patrulla composta por un policía e un auxiliar, algo inaudito nos tempos que vivimos e mais en Ponteareas, cando o lóxico é que estivesen dúas patrullas de servizo como vende o goberno local.

O resultado, un policía e un auxiliar agredido por unha actitude desde logo irresponsable do goberno local. Cabe resaltar que o responsable da policía local é o Alcalde, que se atopa de vacacións, e a Sra. Alcaldesa en funcións Cristina Fernández que non está nin se lle espera.

A viceportavoz de ACiP Raquel Bautista lembra que ACiP leva varios anos denunciando o desmantelamento da policía local, mais cando o goberno local non pon medidas para frear a marcha de policías locais formados, que se van de Ponteareas ante a crispación que o propio goberno crea, poñendo á fronte a funcionarios a dedo que crean mal ambiente, non podendo crear un corpo efectivo e acorde ás necesidades deste Concello.

En ningún Concello destas características nin poboación un venres pola noite existe un único policía de garda, mais cando todos sabemos da situación na noite en certas zonas do centro urbano, e máis cando non teñen o apoio de ninguén de servizo nas oficinas da Policía Local que permanecen pechadas, e só quédalles o apoio da garda civil.

Raquel Bautista sinala como único responsable desta situación ao Sr. Represas, pois mentres está de vacacións, Ponteareas segue igual, sen policía Local e cunha situación que xamais se produciu neste Concello.
Cabe lembrar que Ponteareas no ano 2010 cando o noso Portavoz Juan Carlos González era responsable da policía Local existían 25 Axentes e oficiais, tendo dúas patrullas as fins de semana realizando controis disuasorios nas entradas do Pobo e realizando controis diarios, cuestión que agora é imposible realizar, pois unha única patulla de Policía composta por un Policía e auxiliar é como non ter nada, pois o auxiliar é un simple acompañante do axente. Na actualidade só hai 7 e tres en prácticas, por algo será.

Mentres o goberno presume de perseguir a algúns locais, e saír na prensa aos catro ventos, a seguridade cidadá está abandonada. Propaganda barata.

O vivido o venres foi un aviso máis do que vimos advertindo desde hai varios anos, e que denunciamos ante a delegación do goberno, subdelegación do goberno de Pontevedra e a propia Xunta de Galicia. Que están a esperar?, que cando pase algo mais grave actuarán. Queremos manifestar o noso apoio ás forzas de seguridade da Policía Local e Garda Civil, que se ven indefensos ante a falta de efectivos, e se ven coa imposibilidade de velar pola seguridade dos cidadáns. Esta gravidade xa chegou de que basta xa, e poñeremos nos próximos días en disposición da fiscalía para que investigue estes acontecementos e outros, que non son propios dun estado de dereito.

Hai moito tempo que auxiliares de policía, que non son policías locais, realizan funcións que non lles pertencen, é mais, van uniformados como policías locais. Sancionan e identifican as persoas cando non poden nin teñen a formación nin capacidade dos funcionarios da policía local, o vindeiro luns pediremos unha reunión urxente á Alcaldesa en funcións para que explique os feitos acaecidos e que medidas teñen pensado tomar, pois os Pontareanos pagamos uns impostos para recibir uns servizos que agora mesmo, por parte da seguridade cidadá non temos. Tamén queremos agradecer a moitos veciños anónimos que o pasado venres auxiliaron á policía local e ao auxiliar de policía, grazas a eles a situación non foi a mais. Ese é o exemplo de que os Pontareanos sempre están a realizar funcións que non lles pertence.