Ponteareas urxe á Xunta a garantir a viabilidade de Ganomagoga

A alcaldesa enviou unha carta ao presidente Alfonso Rueda para velar polo futuro dos 200 traballadores e traballadoras

Ponteareas | Ante a crítica situación na que se atopa o grupo empresarial Ganomagoga, a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, enviou unha carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, urxindo á administración autonómica a súa “implicación” e intervención “para garantir a viabilidade da empresa e os postos de traballo e impulsando todas aquelas actuacións que sexan precisas para non permitir a súa desaparición”.

No seu escrito a rexedora fai fincapé en que se trata dun grupo empresarial estratéxico para o desenvolvemento industrial de Galicia, xa que nos últimos 20 anos concentrou a súa actividade no sector eólico, “que significaba arredor do 80% do seu negocio actual e no que o grupo se erixiu como pioneiro”.

Por este motivo, o Goberno municipal insta á Xunta a tomar as medidas necesarias para evitar “un novo peche empresarial no sector da fabricación de complementos para a industria eólica, xusto no momento no que este ámbito goza de maior auxe en Galicia”. Fernández lembra que o grupo empresarial conta con 200 traballadores e traballadoras no seu cadro de persoal, aínda que son centos de familias as que dependen del de forma directa e indirecta.

O Concello destaca que o anuncio do despido colectivo de todo o cadro de persoal “crea unha grande incerteza” para empregados, empregadas e familias dunha empresa que se convertera “nunha importante fonte de riqueza e emprego para o sur da provincia de Pontevedra, especialmente Ponteareas e a nosa comarca, de onde son veciños e veciñas máis da metade dos traballadores e traballadoras”.