Ponteareas representará a España no VII Encontro Internacional “Pietra Ligure Infiore” en Italia

Por parte da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi os días 27 e 28 de maio

Ponteareas | A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas foi convidada a participar polo Municipio italiano de Pietra Ligure na VII edición de “PIETRA LIGURE INFIORE”, organizada en colaboración co “Circolo Giovane Ranzi”.

Nesta edición de Pietra Ligure inFiore a celebrarse os días 27 e 28 de maio participarán 44 delegacións de toda Italia ademais de Alemaña, Francia, España, Lituania, Hungría e Polonia.

Cada tres anos ten lugar o Festival Internacional de Infioratas Artísticas “Pietra Ligure in fiore”, o máis importante de Europa polo número de participantes e o tamaño das obras creadas. Máis de 800 mestres alfombristas de 44 cidades italianas e europeas comezarán o vindeiro sábado 27 ao amencer a crear as súas obras mestras.

O público pode seguir o seu traballo durante todo o día, desde o calco dos debuxos ata a minuciosa cobertura de liñas e espazos con flores, tanto frescas como secas. As alfombras elabóranse nas rúas e prazas do centro histórico de Pietra Ligure e permanecerán expostas durante todo o día do domingo nun auténtico museo ao aire libre, e nun malgaste de cores e cheiros.

“PIETRA LIGURE INFIORE” converteuse nun referente internacional de alfombrismo. E a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas foi convidada para representar a España no maior encontro internacional de alfombristas por ser a tradición máis antiga de España con máis de douscentos anos, de historia. E a única festa declarada de Interese Turístico Internacional no seu xénero.

A alfombra deseñada, leva por título “CAMIÑO VIA DELLA COSTA” e está dedicada ao Camiño que vai a Santiago de Compostela e pasa por Pietra Ligure. A Via della Costa que comeza en Sarzana (Italia) e chega a Menton (Francia) para logo enlazar coa Via dei Arles, tamén chamada Via Tolosana ao seu paso por Toulouse, a capital de Occitania, unha das catro grandes roteiros xacobeos de Francia. no Codex Calixtinus (século XII).