Ponteareas reorganiza o seu goberno municipal

Con novas incorporacións e cambios nas tenencias de alcaldía

Ponteareas | Tras a renuncia de Xosé Represas e a toma de posesión de Cristina Fernández Davila como alcaldesa, o Goberno municipal de Ponteareas realizou unha reordenación de competencias co claro obxectivo de “acadar un funcionamento óptimo dos servizos prestados á veciñanza”, poñendo á fronte das diferentes concellarías a persoas con amplos coñecementos e experiencia en cada unha das áreas.

“A alcaldesa Cristina Fernández Davila asume as competencias que dependían do anterior alcalde (Urbanismo, Medio Urbano e Seguridade Cidadá e Emerxencias) e mantén a coordinación de Ensino e Saúde”

Así, por unha banda, a alcaldesa Cristina Fernández Davila asume as competencias que dependían do anterior alcalde (Urbanismo, Medio Urbano e Seguridade Cidadá e Emerxencias) e mantén a coordinación de Ensino e Saúde, áreas que xa dirixía até o de agora. Mentres, a rexedora deixa a área de Consumo, que dirixirá Eva Gil, e a de Eventos, que agora asume Miguel Bouzó.

Outro dos cambios significativos nesta reorganización de competencias é a saída de Nahir Covelo por mor da súa situación persoal e laboral, o que supuxo que Bouzó asumise recentemente a concellaría de Deportes, así como a incorporación de dúas persoas ao Goberno municipal para situarse ao fronte de áreas que dependían directamente de Xosé Represas na anterior etapa.

Deste xeito, Lola Covelo entra a formar parte do goberno para asumir os asuntos relacionados con infraestruturas básicas, como o saneamento, o abastecemento de auga ou as rozas.

Ao cargo de Facenda estará Francisco Alonso, que regresa á corporación municipal “tras ser no anterior mandato, xunto a Represas, o artífice da xestión eficaz que logrou sanear a economía do Concello tras décadas de débedas, ruína e bancarrota”.

“Tras asumir Fernández Davila a alcaldía, prodúcese tamén unha variación nas tenencias de alcaldía, pasando a ser Roberto Mera o tenente de alcaldesa e manténdose Chus Garrote na segunda tenencia de alcaldía”

Tras asumir Fernández Davila a alcaldía, prodúcese tamén unha variación nas tenencias de alcaldía, pasando a ser Roberto Mera o tenente de alcaldesa e manténdose Chus Garrote na segunda tenencia de alcaldía como ata o de agora. A terceira tenente de alcaldesa será Verónica Carrera.