Ponteareas remodelará a Casa do Concello

Para mellorar a súa eficiencia enerxética

Ponteareas | Ponteareas remodelará a Casa do Concello para mellorar a eficiencia enerxética de todo o inmoble, construído en 1898 e catalogado como ben de Patrimonio Cultural.

Xa está aberto o proceso de licitación para a primeira fase da rehabilitación enerxética da envolvente térmica e a reforma interior de varios espazos do edificio, o que suporá unha optimización da enerxía consumida e mellorará o confort interior das estancias.

“Dende o Concello continuamos traballando para facer de Ponteareas unha vila máis sustentábel, poñendo en marcha todas aquelas actuacións necesarias para que as nosas instalacións sexan o máis sostíbeis posíbel”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Entre as actuacións que se levarán a cabo está a mellora da transmitancia térmica de cerramentos verticais e da cuberta, substituíndo o revestimento interior existente para un maior illamento térmico, así como a reforma da instalación eléctrica ou a substitución de lucernarios e fiestras por outros de alta eficiencia enerxética que permitan a ventilación natural do espazo en épocas cálidas, entre outras actuacións.

Estas obras xa están en licitación por un orzamento total de 485.000 euros que serán cofinanciados polo Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020 a través do IDAE, do Ministerio para la Transición Ecológica; polo Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra e por fondos propios do Concello de Ponteareas.

Empresas e persoas profesionais interesadas en presentar as súas propostas poderán facelo ata o vindeiro 16 de marzo de 2022 ás 14.00 horas.