Ponteareas rehabilitará o seu patrimonio

Grazas a un convenio do Concello co Instituto Galego da Vivenda e Solo

Ponteareas | O Concello segue a facer un esforzo por captar fondos cos que transformar Ponteareas na vila do futuro. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, asinou este venres coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, un convenio de colaboración co Instituto Galego da Vivenda e Solo que permitirá financiar a rehabilitación e conservación do edificio situado no número 39 da Praza Maior.

Trátase dun financiamento sen xuros de case 790.000 euros que permitirán ao Concello iniciar as obras do futuro Centro Cívico de Ponteareas sen ter que adiantar nin depender de recursos propios ata a percepción da subvención do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat saudábel’.

“Somos un concello pioneiro que levamos moito tempo colaborando co IGVS. Para nós é unha ferramenta fundamental que nos permite afrontar grandes obras dunha forma planificada e así destinar o orzamento anual do Concello a mellorar a realidade da veciñanza”, recalcou Fernández Davila.

Deste xeito o Concello continúa a dar pasos para dotar a Ponteareas de servizos necesarios e dos que na actualidade as e os ponteareáns carecen. É o caso do Centro Cívico no núcleo urbano, o primeiro edificio público de Ponteareas que contará con 900 m2 destinados a servizos municipais e actividades sociais, como espazos para a mocidade, salas de reunións, espazos para obradoiros e cursos, servizo de atención temperá ou unha oficina de información.

O Goberno municipal destaca o grande avance deste proxecto. O Concello ten previsto sacar xa a licitación nas vindeiras semanas as obras de execución, polo que os traballos de rehabilitación iniciaranse antes de que remate o ano e con previsión de que a finais do ano 2023 poidan desfrutar das instalacións todos os veciños e veciñas.

10.000 euros en axudas para investimentos das entidades veciñais
O Concello prepara xa as axudas municipais destinadas a subvencionar intervencións de mellora de espazos públicos levadas a cabo por colectivos de interese veciñal, que abrirán o prazo de presentación en breve. Serán un total de 10.000 euros cos que se busca “contribuír a mellorar a calidade de vida dos e das ponteareás e a dinamizar o asociacionismo veciñal”, como salienta a concelleira de Vías, Obras e Alumeado, Chus Garrote.

A través desta convocatoria, o Concello subvencionará ata o 80% do investimento levado a cabo polas entidades solicitantes cun límite máximo de 3.000 euros para a realización de obras e de 1.500 euros para a dotación de equipamentos. As axudas, que se adxudicarán ata esgotamento de crédito, están destinadas a asociacións veciñais, asociacións culturais e comunidades de montes e regantes para intervencións realizadas ao longo deste ano 2022.

A concellaría de Vías e Obras reunirase este venres 9 de setembro con representantes destas entidades para dar a coñecer a subvención e propiciar que as asociacións interesadas teñan preparada toda a documentación necesaria cando se abra o prazo, dada a limitada marxe de tempo coa que se conta para presentar a solicitude.