Ponteareas reclamará á Xunta de Galicia os gastos asumidos na Estación de Autobuses

Iniciou o pertinente procedemento administrativo

Ponteareas | O alcalde en funcións de Ponteareas, Roberto Mera, ditou hoxe unha providencia para que os servizos municipais cuantifiquen con exactitude o déficit asumido polo Concello pola xestión da Estación de Autobuses entre o ano 2011 e o 2022, coa intención de reclamarllo formalmente á Xunta de Galicia “á vista da súa negativa a asumir voluntariamente a súa obriga de compensar os gastos soportados por Ponteareas durante 11 anos”, sinalou.

Na providencia relátanse con detalle e de forma documentada todas as vicisitudes acontecidas na xestión da Estación de Autobuses dende que en 2011 venceu o contrato de explotación en virtude do cal o Concello xestionara a estación dende 1991. O daquela alcalde, Salvador González, comunicou á Xunta que o Concello non quería continuar coa explotación da Estación porque lle supuña un déficit anual de máis de 40.000 euros.

A Xunta comprometeuse entón a dar unha solución antes de finalizar 2011, pedindo ao alcalde González Solla “a colaboración dese Concello para que siga garantindo a xestión dos servizos na estación”.

Dende entón sucedéronse diversos intentos por parte da Xunta de adxudicar a explotación, o que non logrou até finais do pasado ano 2021, mantendo o Concello durante case 11 anos a xestión en precario, de favor e como colaboración coa administración autonómica, e asumindo as perdas do servizo.

En 2012, o alcalde González Solla solicitou a compensación dos gastos que carrexaba ao Concello esa situación e no 2013 a Xunta, a través dun oficio do 23 de setembro, atendeu a petición nos seguintes termos: “unha vez se produza o cese efectivo na prestación do servizo público por ese concello, a Xunta de Galicia procedería a concertar con esa administración a compensación económica que corresponda polo déficit económico da explotación que se está a producir nesta situación de prolongación do servizo”.

Dende entón, tanto as reclamacións de compensación económica feitas polo exalcalde González Solla como as posteriores baixo a presidencia de Xosé Represas e agora con Cristina Fernández Davila “non só non foron atendidas senón que a Xunta, faltando á súa palabra e compromisos documentados, transmitiu ao Concello este ano a súa negativa a pagar a súa débeda con Ponteareas”, sinala Roberto Mera.

O alcalde en funcións lembra que a propia Xunta cualificou a xestión do Concello como unha “colaboración, pois nin tan sequera existiu contrato nin concesión algunha e os propios servizos xurídicos municipais cualificaron en 2015 a xestión da Estación como altruísta até que se adxudicase a un novo concesionario e sometida ao pagamento do déficit asumido polo Concello”.

Mera sinalou que “o goberno local vai defender os intereses de Ponteareas e non vai permitir que a Xunta incumpra as súas obrigas e non pague as súas débedas co Concello”.

.