Ponteareas reclama a exposición pública do anteproxecto de mellora da N-120

Tanto á Dirección General de Carreteras como ao Ministerio de Transportes

Ponteareas | A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e a segunda tenente de alcalde, Chus Garrote, reuníronse con representantes da ‘Plataforma da N-120’ ante a preocupación deste colectivo veciñal polo retraso na exposición pública do Antreproxecto da mellora viaria da N-120 e pola aparente paralización de todo o procedemento.

“Dende o Concello tamén compartimos esa incerteza e agardamos que este retraso teña a súa orixe unicamente nalgunha circunstancia particular do proxecto”, explica a rexedora.

Por este motivo, o Concello reclama á Dirección General de Carreteras e ao MITMA que faga a exposición pública do Anteproxecto de mellora da N-120 ao seu paso polas parroquias de Xinzo, Arnoso e Areas, que leva en supervisión dende comezos de ano por parte do Ministerio.

“O Concello reclama á Dirección General de Carreteras e ao MITMA que faga a exposición pública do Anteproxecto de mellora da N-120 ao seu paso polas parroquias de Xinzo, Arnoso e Areas”

Nun escrito dirixido a ambas as dúas entidades, o Concello pediu de forma oficial que se lle informe á maior brevidade posible de en que punto administrativo está o Anteproxecto e “da previsión e cronograma futuro de cara á execución final desta obra tan necesaria e prioritaria para o noso Concello”.

Tras as reunións mantidas no último trimestre de 2020 e en marzo deste mesmo 2021, nas que se presentou un anteproxecto xa moi avanzado, o Goberno municipal amosa a súa sorpresa pola paralización do proceso.

Este proxecto busca dar solucións aos problemas na N-120 ao seu paso pola zona máis poboada de Ponteareas, unha vía que soporta diariamente unha elevada carga de tráfico local e comarcal, con grandes retencións nas horas punta e con grave risco para a veciñanza con moitos lugares cunha elevada concentración de accidentes ao non contar cos elementos de protección e seguridade viaria necesarios tanto para peóns como para condutores e condutoras.