Ponteareas proxectará o documental “Xela Arias. Poeta nas marxes”

O vindeiro venres 3 de setembro no Auditorio Municipal

Ponteareas | O Concello de Ponteareas proxectará o vindeiro venres ás 20.30 horas o documental “Xela Arias. Poeta nas marxes”, dirixido por Beatriz Pereira. Unha peza audiovisual que reflexiona sobre a poeta homenaxeada no Día das Letras Galegas a través dos testemuños de Marga do Val, Xosé María Álvarez Cáccamo, María Xesús Nogueira, Manuel Bragado, Susana Trigo e Humberto Heredia.

A entrada é gratuíta e, para poder asistir á proxección, as persoas interesadas deben facer a reserva previa de entradas no correo electrónico: auditoriomunicipal@ponteareas.gal. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a veciñanza “a coñecer neste documental a figura de Xela Arias, unha muller que rompeu a versos convencións sociais para construír a súa independencia”.

Esta proxección encádrase dentro do proxecto “Xela Arias. Poeta nas marxes”, que leva a Secretaría Xeral de Política Lingüística aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística, á que pertence o Concello de Ponteareas, no marco da programación institucional Letras Galegas 2021 para dar a coñecer a figura, a vida e a obra da autora homenaxeada.

Este proxecto xorde, no ano 2019, da constatación da ausencia de materiais fílmicos que reflictan unha visión total sobre Xela Arias, que se crea mediante a relación contrapuntística do academicismo e o humano e persoal. Xa que logo, esta obra deterase en todas as arestas que fixeron dela unha muller situada nas marxes da literatura, analizando o seu labor como poeta, tradutora e correctora, así como o seu impacto na vida cultural galega.