Ponteareas promove iniciativas a favor da saúde e a calidade de vida

Coa constitución da mesa intersectorial de saúde con axentes sociais e a cidadanía

Ponteareas | Este 19 de setembro constituíuse a mesa intersectorial da saúde no Salón de Plenos da Casa Consistorial de Ponteareas. A mesa conta coa participación do grupo de traballo da rede galega de promoción da saúde da Xunta de Galicia e á súa constitución asistiron as asociacións Afaga, Avelaíña e Adapta, así como o fundador de Marcha Nórdica Galicia, Ricardo Angueira e, en representación dos centros educativos, a orientadora Beatriz Iglesias, xunto aos concelleiros do goberno municipal Francisco Represas, Silvia Fernández, Ricardo González e Raquel Plana.

O obxectivo da mesa é o de dar voz e posibilidades de participación reais no debate público aos axentes sociais máis relacionados cos ámbitos da saúde e a calidade de vida, acadando a implicación do maior número posible de sectores e por tanto, achegándose á cidadanía. A idea de fondo é promover os hábitos e entornas saudables en Ponteareas, partindo dos recursos cos que xa conta a vila.

Deste xeito dáse continuidade á adhesión do Concello de Ponteareas á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención do Sistema Nacional de Saúde, á vez que se poñen en marcha as liñas de traballo socio-sanitarias a nivel local.

A estratexia fundamenta as súas actuacións na reorientación do sistema sanitario cara a promoción da saúde e a prevención da enfermidade, coa implicación de toda a sociedade a través dun Plan de desenvolvemento local e a colaboración dos sectores educativos e deportivos, pero integrando outros como urbanismo e medio ambiente.