Ponteareas presenta unha nova edición da revista Pregón

Con novas temáticas que recompilan a historia da vila

Ponteareas | Ponteareas dá o pistoletazo de saída ao seu Corpus Christi 2022. Alcaldesa, corporación municipal, autoridades, articulistas e veciñanza déronse cita na sala multiúsos do auditorio municipal para acoller a presentación dunha nova edición da revista Pregón, que cada ano difunde a festa do Corpus con imaxes das alfombras do ano anterior, pero que na actualidade tamén introduce artigos e recompila documentos e anacos da historia da vila.

Durante o acto de presentación, a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, lembrou que “despois destes dous últimos anos duros, impulsamos de novo o Corpus con máis ilusión que nunca e con moitas gañas”. “Neste tempo mantivemos a nosa tradición aínda que fora de xeito virtual e con pequenas mostras do traballo das nosas e nosos alfombristas que remarcaban esa sensación de perda, de perda de mobilidade, da proximidade cos nosos seres queridos, perda incluso de persoas achegadas.

Pero esa situación fíxonos resilientes e deunos a oportunidade de medrar como persoas e como colectivo”, recalcou antes de agradecer “a vosa unidade, fortaleza e grandeza para levar adiante neste 2022 ese labor que espertará emocións e experiencias que perdurarán na nosa memoria xunto con unha tradición ancestral de máis de 150 anos que non vai decaer nin desaparecer por ningún tipo de virus”.

Este novo número da revista Pregón recolle artigos de persoas recoñecidas da vila, “relatos que porán de manifesto a grandeza do Corpus, de Ponteareas e do seu patrimonio material e inmaterial”. “Hoxe desfrutaremos de levar para as nosas casas unha nova edición da revista, algo que sería difícil sen a participación desinteresada de toda as persoas que facedes posible a entrega deste número compartindo con todas e todos nós as vosas experiencias e traballos”, concluíu.

Unha idea na que afondou o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, quen asegurou que coa revista Pregón “temos nas nosas mans unha ferramenta incomparable para achegar a beleza e paixón do Corpus de Ponteareas a todos os recunchos. Usémola e difundámola co mesmo orgullo que aflora en nós cada domingo de Corpus, cando contemplamos con emoción as nosas rúas chegas de cor e aroma”.

O edil quixo recalcar o agradecemento ás e aos alfombristas “por tanta entrega, ilusión e xenerosidade para preservar a nosa tradición” e a todas as persoas que “puxeron o seu gran de area nesta nova edición da revista Pregón”. “Esta publicación ten un significado especial para todas e todos os ponteareáns, tanto para os que vivimos a festa presencialmente cada ano como para todas e todos aqueles que están lonxe e que van coleccionando números que reciben a través de familiares ou amizades. É así, a través desta revista, como as e os ponteareáns na diáspora reciben a esencia da nosa festa”, asegurou.

Pola súa banda, Gonzalo Fernández, responsable da revista Pregón, lembrou ao público que se trata do número 31 desta publicación “dende a recuperación deste folleto divulgativo no ano 1991 tras un parón edición a partir da década dos 60”.

Nomes como o poeta Alfonso Pexegueiro, Susana Lamela, Teresa Ríos, Clodio González, Francisco Candeira, Anxo Coya, Sebastián Merino, Alberte Reboreda, Xoán Martínez Tamuxe, Juan Ramón Tamuxe, Sofía Rodríguez, Andrés Sampedro, Antonio José Groba, Miguel A. García Correa e Jesús Rodríguez conforman un completo número no que se tocan temas como a literatura, a arte ou a historia ademais do tradicional Corpus Christi de Ponteareas.

O acto tamén contou coa presenza de Laura Castro, representante de Abanca, que non só recalcou a visibilidade que cada ano dá á festa do Corpus a revista, senón que quixo tamén poñer de relevo outras iniciativas pioneiras como o Museo do Corpus a Ceo Aberto, “que actúa como polo de atracción de turistas”.

“Estes proxectos, como a revista Pregón, axúdannos a pór en valor as nosas festas e o traballos das e dos alfombristas para poder gozar en calquera momento dos singulares matices florais que imprimides en cada unha das vosas obras de arte efémero”.

Outros artigos