Ponteareas premia ás persoas usuarias con máis préstamos na Biblioteca Municipal

Os gañadores foron os usuarios Enma González e Iván Rocha
Coincidindo do Día das Persoas Usuarias das Bibliotecas, a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila; a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote; e o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, entregaron os agasallos ás socias e socios con máis préstamos durante todo o 2021.

Ponteareas | A biblioteca pública municipal de Ponteareas está de celebración. Coincidindo do Día das Persoas Usuarias das Bibliotecas, a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila; a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote; e o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, entregaron os agasallos ás socias e socios con máis préstamos durante todo o 2021.

Na categoría infantil, a gañadora foi Enma González Fernández, con 91 libros collidos en préstamos durante o pasado ano. O segundo lugar foi para Iker Saavedra Parada, con 88 libros, e o terceiro para Sabela Solleiro González, con 78 libros prestados.

Pola súa banda, Iván Rocha Taibo foi o gañador na categoría de adultos, cun total de 52 libros en préstamo o pasado 2021. María Natividad Martínez Márquez e Teresa Ríos Noya, con 38 e 36 libros, quedaron en segundo e terceiro posto, respectivamente.

O Concello e a biblioteca agasallaron a todas as usuarias e usuarios premiados cun lote de libros, varios marcapáxinas e aumentando durante todo o ano 2022 a súa capacidade para levar máis libros prestados, pasando dos 5 habituais a 8.

Ademais, Enma González e Iván Rocha, os primeiros de cada categoría, foron nomeados socia e socio de honra da biblioteca municipal de Ponteareas.

Con esta iniciativa o Concello busca render homenaxe a todas as persoas que desfrutan da biblioteca municipal, ao tempo que “fomentamos a lectura entre toda a veciñanza. Queremos trasladar os nosos parabéns a todas e todos os premiados e convidar ás ponteareás e ponteareáns a que se acheguen á biblioteca e coñezan este lugar onde poden divertirse no seu tempo de lecer”, asegurou o edil de Cultura, Fernando Groba.