Ponteareas lembra á Xunta os seus compromisos coa ampliación da depuradora e o saneamento de Ribadetea

Durante unha reunión co Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra

Ponteareas | A alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e o segundo tenente de alcalde, Roberto Mera, mantiveron a pasada semana unha reunión co Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López, para abordar a colaboración da Xunta en relación con diferentes necesidades en infraestruturas básicas de Ponteareas.

“Esta actuación, que supón un investimento de 11,7 millóns de euros, se financia ao 50 % polo Estado con fondos europeos, ao 30% polo Concello e ao 20 % pola Xunta, a través dun convenio con Augas de Galicia”

A alcaldesa en funcións transmitiu á Xunta a necesidade de asinar con urxencia o convenio de colaboración para o financiamento e execución da ampliación da depuradora da Moscadeira. Cristina Fernández lembrou que esta actuación, que supón un investimento de 11,7 millóns de euros, se financia ao 50 % polo Estado con fondos europeos, ao 30% polo Concello e ao 20 % pola Xunta, a través dun convenio con Augas de Galicia. Na reunión confirmouse que a Xunta asumirá o seu compromiso e que en breve se asinará dito convenio.

Outra das prioridades abordadas foi a referida ao saneamento da parroquia de Ribadetea. Cristina Fernández lembrou o compromiso da Xunta de redactar o proxecto e lamentou que “o tempo pasa e o proxecto continua sen redactarse”, polo que solicitou que de maneira urxente e inmediata se encargue a redacción do proxecto e se cumpra o prometido.

Ademais, os representantes municipais trasladaron ao Delegado Territorial as previsións futuras do Concello en materia de abastecemento e depuración coa intención de lograr a colaboración da Xunta. Trátase de tres proxectos para concluír o abastecemento de auga nas parroquias de Moreira e San Mateo, a futura construción da Estación de Tratamento de Auga Potábel en Cristiñade e a futura Estación Depuradora de Augas Residuais a situar na zona de Moreira.

Segundo Fernández Davila, “a prioridade máxima nestes intres pasa porque a Xunta cumpra xa cos seus compromisos aportando a súa parte na ampliación da depuradora da Moscadeira e redactando dunha vez o proxecto de saneamento de Ribadetea”.

A rexedora local agarda “feitos concretos por parte da Xunta en breve”, tal e como manifestou nun encontro mantido recentemente con representantes da plataforma polo saneamento de Ribadetea.

Outros artigos