Ponteareas intégrase oficialmente no “Eixo Atlántico”

Anunciaron a Alcaldesa en funcións, Cristina F. Davila e o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao

Ponteareas | A Alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina F. Davila e o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, compareceron hoxe en rolda de prensa para facer pública a integración de Ponteareas no Eixo Atlántico aprobada pola súa asemblea xeral esta mesma semana.

O Secretario Xeral, Vázquez Mao, salientou que o Eixo Atlántico decidíu incorporar a Ponteareas á vista das mudanzas que a localidade ven experimentando nos últimos anos baseadas nunha planificación estratéxica que ten como obxectivos a sustentabilidade ambiental, a cohesión social, a reforma urbana ou a mobilidade.

O Secretario Xeral exemplificou eses cambios en iniciativas como a rede de calor con biomasa: “é algo co que se debe sensibilizar ás cidades por ser unha das mellores ferramentas enerxéticas que tamén contribúen a manter o monte limpo e previr incendios”, sinalou Vázquez Mao quen ademais lembrou que “ao Eixo Atlántico vense a promover a interrelación entre cidades, a aprender pero tamén a ensinar iniciativas de futuro coma as emprendidas en Ponteareas”.

Cristina F. Davila, pola súa banda, fixo fincapé nas potencialidades de Ponteareas pola “posición territorial estratéxica e privilexiada na que nos atopamos, a nosa condición de concello de referenza no Condado Paradanta que suma máis de 60.000 habitantes, a proximidade con Portugal e coa zona costeira galega e portuguesa e o noso papel de nexo de unión entre a franxa atlántica e o interior”.

A alcaldesa en funcións explicou que Ponteareas “quere converterse en referente de vila cun modelo de crecemento organizado e planificado, baseado no desenvolvemento sostíbel que ten como pedra angular a estratexia “Ponteareas hábitat saudábel” que conta co apoio dos Fondos de Desenvolvemento Rexional, FEDER, da Unión Europea”.

Xoán Vázquez lembrou que “a eurorrexión é unha cidade virtual de sete millóns de habitantes, que configura a terceira área urbana da Península Ibérica despois de Madrid e Barcelona e por diante de Lisboa. Ponteareas incorpórase ao Eixo Atlántico como ferramenta que lle permitirá, complementándose co resto de concellos, ser competitivo e captar investimentos e acceder a recursos e servizos que o Eixo Atlántico ofrece aos seus membros”.

Ademais, a presenza de Ponteareas, en opinión de Vázquez Mao, conleva incorporar non só un concello senón tamén un ámbito territorial máis amplo coma o Condado e A Paradanta até agora ausente no Eixo Atlántico. Trátase dunha comarca que ofrece termalismo, turismo da natureza, gastronomía, enoloxía e ademais é unha das tres portas de entrada ao parque natural Peneda-Gêres que é o único parque nacional de Portugal”.

A alcaldesa en funcións lembrou tamén os seculares lazos de unión, históricos, sociais e culturais, entre Ponteareas e Portugal, con exemplos como as tradicionais alfombras florais, o patrimonio inmaterial ou a emigración ao país irmán.

Cidades como Porto, Braga, Vigo, Santiago de Compostela, Monforte, Ferrol, Guimaraes, Viana do Castelo, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Barcelos ou Bragança, entre outras forman parte do Eixo Atlántico, á que agora se une Ponteareas.