Ponteareas humanizará dez rúas máis

Grazas á Rede de Concellos Ágora da Deputación de Pontevedra

Ponteareas | O Goberno municipal do BNG-PSOE continúa avanzando na redacción de proxectos de reforma urbana e humanización de rúas na vila de Ponteareas. Desta volta, a administración local tramita xa a licitación da redacción dos proxectos de humanización de dez rúas máis do centro urbano.

Trátase da rúa A Calexa, que une a Praza Maior coa rúa da Esperanza, que tamén se humanizará no seu último tramo; da rúa Arxentina; da rúa Fernández Vega no tramo comprendido entre a rúa Ferreiros e a Praza Fernández Vega e entre dita praza e o Conservatorio; da rúa Morales Hidalgo e da rúa A Estrada, que rodean o Auditorio Municipal.

A todas elas engádense os tramos das rúas Castiñeira, Reveriano Soutullo e Salvaterra nos tramos que rodean o Conservatorio Municipal proxectándose unha nova praza diante da fachada principal deste edificio. Ademais, e como melloras na licitación, o Concello proporá a redacción do proxecto de humanización da rúa Ramiro Sabell que une o Conservatorio coa Avenida de Castelao, así como o resto da rúa Reveriano Soutullo até a rúa Amado Garra.

Estes proxectos a redactar nos vindeiros meses únense aos xa redactados para un total de doce rúas e que o Concello está dando a coñecer nas últimas semanas. Trátase das rúas que se atopan na contorna da Praza de Bugallal como Constitución, Senén Canido, Vidales Tomé, Morales Hidalgo, un tramo de Reveriano Soutullo e outro de Virxe dos Remedios, así como Concha Brey, Rogelio Groba e a Avenida de Galicia a carón dos Xardíns da Xiralda. A estes engádense os proxectos da rúa Manuel Domínguez Benavides, da rúa da Braña e da rúa Sarmiento Rivera.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, salientou que “o noso obxectivo é converter unha vila que foi esnaquizada por un urbanismo salvaxe que non pensaba nas persoas, nun espazo atractivo, de calidade e desfrute social e de dinamismo comercial”. Pola súa banda, o primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, explicou que “para executar as obras no futuro, os proxectos permitirán ao Concello conseguir novamente enormes recursos económicos doutras administracións que están a apoiar economicamente as políticas de recuperación do espazo público para as persoas”.

O Concello de Ponteareas acadou unha subvención de 50.000 euros ao abeiro da Rede de Concellos Ágora da Deputación de Pontevedra para a redacción destes novos proxectos de recuperación de espazos públicos para as persoas.