Ponteareas | O Concello de Ponteareas honra a paixón, talento e creatividade da compositora e directora María Domínguez. A alcaldesa, Nava Castro, presidiu un acto en homenaxe a esta talentosa artista que vén de conseguir un logro extraordinario como gañadora do prestixioso Concurso de Novos Compositores ‘Juan José Olives’ coa súa magnífica obra ‘No vértice da escuma’.
“María é o vivo exemplo do rico legado musical de Ponteareas, berce de grandes compositores e compositoras que ao longo da historia levaron o nome da nosa vila máis alá das nosas fronteiras”, como salientou a rexedora. Nava Castro tamén resaltou a ilusión por presenciar a estrea no Festival Ensembles 2023 desta peza, que cativou ao xurado coas súas envolventes melodías, cores e texturas, o minimalismo sonoro e as variacións rítmicas.
Durante o acto a alcaldesa fixo entrega a María Domínguez dunha batuta que realizada polo alumnado da Escola de Xoiería do Atlántico, unha peza única de apenas 10 gramos que simboliza a paixón da artista pola música e a dirección. Trátase dunha batuta excepcional, unha obra de arte feita en madeira e metacrilato degradado de branco a incoloro coas iniciais da homenaxeada grabadas en prata no mando.
As alumnas Anetha McLean e Noemí Domínguez, que contribuíron coa súa creatividade a dar vida a esta magnífica peza, contaron ao público asistente como foi o proceso de creación. Nava Castro quixo agradecer ao alumnado da Escola de Xoiería do Atlántico a súa habilidade e dedicación para realizar a preciosa batuta que se agasallou á nova compositora e directora.