Ponteareas homenaxea a Castelao

Co gallo do aniversario do histórico galeguista
Propietaria da foto: Carta de España.

Ponteareas | Ponteareas volve homenaxear este mes de xaneiro ao escritor e pensador Alfonso Manuel Daniel Rodríguez Castelao co gallo do 72 aniversario do seu falecemento. A Concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a participar nas diferentes actividades que se realizarán entre o 21 de xaneiro e o 7 de febreiro para honrar a este intelectual comprometido, narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político que chegou a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX.

As actividades comezarán este venres 21 de xaneiro coa inauguración da exposición de láminas que percorrerá varios edificios institucionais e en arredor 40 locais comerciais e da hostalaría da vila ata o vindeiro 7 de febreiro.

Os comercios agasallarán ao público visitante con rascas cos que o público poderá gañar camisetas cunha imaxe de Castelao. As persoas premiadas poderán recoller o seu agasallo na biblioteca municipal.

O 28 de xaneiro, o humorista e ilustrador gráfico Pablo Prado impartirá un obradoiro de iniciación ao humor gráfico na biblioteca municipal a partir das 18.00 horas. Residente en Ponteareas dende os 3 anos, Prado gañou o premio de banda deseñada de O Garaxe Hermético con ‘Nerea e o príncipe da Sorte’, un traballo con guión de Miguel Rojo e publicado pola editorial Xerais.

Colabora ademais dende hai anos en proxectos vinculados á loita pola igualdade como a asociación feminista FestiVal das Brétemas ou SOS Racismo Galicia; no 2019 participa na ilustración do videoclip de animación ‘Semillas’, de Tremenda Jauría; e en 2020 traballa como storyboard na serie de Netflix ‘La casa de papel’ e colabora con Fernando Llor na banda deseñada ‘O último festi’, para o Armadiña Rock de Combarro.

A actividade será de balde con prazas reducidas, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse no correo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.es ou no teléfono 986 660 765. Xa o vindeiro 30 de xaneiro ás 12.00 horas celebrarase a ofrenda floral na avenida ponteareá que leva o nome do ilustre escritor, que contará co acompañamento musical do grupo de gaitas Naiama.