Ponteareas | O Concello agradece ao subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, a visita que realizou esta mañá á Nacional 120 ao seu paso polo municipio para comprobar a instalación dun semáforo de peóns. Con todo, a administración local lémbralle a necesidade de que o Ministerio de Transportes e Mobilidade cumpra coas súas responsabilidades e acometa a obra completa de mellora da seguridade viaria da estrada.
Ademais, durante a visita a concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández e a alcaldesa, Nava Castro, indicaron as principais alegacións que se presenta de forma consensuada coa veciñanza ao proxecto de mellora de seguridade viaria da N-120 do Goberno central e lle fixeron entrega dun documento no que se recolle varias peticións para actuar na estrada ao seu paso pola parroquia de Arcos.
Neste sentido, o goberno municipal vén de levar ao pleno municipal as 15 alegacións que buscan corrixir aspectos do proxecto que non teñen en conta as necesidades das persoas afectadas. É o caso da comunicación das parroquias co casco urbano, as paradas de autobús ou a demolición dunha casa habitada por unha familia.
A edil de Urbanismo, Silvia Fernández, indica que “polo de agora só temos a obra nun papel, nun documento complementario. O Goberno central aínda non foi quen de explicar cando se van a comezar as obras nin cando se incluirán nos orzamentos do Estado”. Ademais, lembra que “foi en novembro de 2023 cando anunciaron que se licitarían e aínda non o fixeron”.
A alcaldesa, Nava Castro, apuntou que “agradecemos a visita do subdelegado do Goberno, Abel Losada, á Nacional 120 pero o certo é que levamos moito máis tempo agardando para que o Goberno central cumpra coas súas responsabilidades e execute as obras que si garantan a seguridade viaria desta estrada”.
A rexedora indicou que “desde o Concello apostamos pola cooperación entre as administracións para conseguir mellorar a vida dos veciños e das veciñas” e puxo en valor o traballo que realizou o equipo de goberno posto que “a nosa parte está feita, acompañamos, informamos e redactamos de forma conxunta coas persoas afectadas as alegacións é a quenda agora de que este proxecto, que depende do Ministerio, non quede nunha cortina de fume”.