Ponteareas en Común denuncia a exclusión da Mesa de Saúde

Acusando ao goberno do PP de presuntamente tomar esa decisión contra a oposición

Ponteareas/Ponteareas en común | O goberno actual de Ponteareas, liderado polo Partido Popular, promoveu recentemente unha mesa participativa sobre saúde, na que invitou a asociacións e organismos locais para que expuxesen as súas ideas sobre como mellorar a política relacionada con este ámbito na vila.

O obxectivo destas mesas temáticas, que son habituais na administración local, é abrir espazo a todas as voces que conforman Ponteareas para reflexionar e debater posibles medidas e melloras en cada problemática específica.

Porén, a pesar do seu suposto carácter plural, o goberno do Partido Popular excluíu os partidos políticos da oposición desta mesa. Esta decisión suscitou preocupación e descontento por parte de Ponteareas en Común, forza de oposición no concello. Esta formación expresou a súa inquietude ante a omisión deliberada por parte do goberno municipal, pois dende este partido xa se solicitou en reiteradas ocasións participar neste tipo de reunións para poder facer as súas propostas e fiscalizar o seu desenvolvemento, garantindo así a transparencia do tratado nelas e os compromisos adquiridos.

Manoel Ucha, concelleiro de Ponteareas en Común, manifestou que “A ausencia de diálogo e consenso nun tema tan crucial como a sanidade pública reflicte unha clara falta de compromiso coa transparencia e a participación cidadá por parte do PP. Esta decisión evidencia unha actitude antidemocrática que trata de evitar a crítica ao lamentable estado da sanidade pública en Ponteareas polas políticas da Xunta do PP, perpetuando unha situación de precariedade que afecta directamente á calidade de vida dos nosos cidadáns.”

Ponteareas en Común insta ao goberno municipal do PP a rectificar esta exclusión deliberada e a convocar de inmediato a todos os actores políticos e sociais relevantes á mesa de saúde, e conseguintes mesas de natureza similar. Este non é o primeiro caso no que se rexistra esta situación. Xa anteriormente aconteceu con mesas relacionadas coa Nacional 120 e o saneamento de Ribadetea.

Dende Ponteareas en Común denuncian que estas temáticas non se pasan polas comisións informativas oficiais e que se fan a porta pechada, con público seleccionado pola propia comisión de goberno. Consideran que desta maneira a visión plural da vila a nivel de aportacións, así como o exercicio de transparencia, se perde completamente en favor da propaganda partidista dende os canles do propio Concello.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.