“Ponteareas en común” completará o seu programa electoral

Este 25 de marzo nas áreas de mocidade, persoas maiores, cultura, deporte e animais

Ponteareas/Ponteareas en común | Na última xuntanza, que tratou sobre Feminismo, Educación e dereitos LGTBI, decidiuse apostar polas escolas rurais e unitarias, ampliar as prazas da Escola Pública Infantil de Ponteareas, aumentar a rede educativa municipal de ensinanzas artísticas (música, teatro, etc.) cunha correcta xestión pública e acondicionar os comedores nos centros educativos e abrilos todo o ano, dotando a todos dos mesmos recursos e garantindo o transporte.

Así mesmo acordouse garantir este servizo de comedor como unha das prioridades da política social da vila tendo en conta o contexto de emerxencia social e precariedade que vive a vila. Ademais, Ponteareas en común comprometeuse a que, se chega ao goberno municipal en maio do 2023, crear un plan de apoio educativo para o alumnado con necesidades de aprendizaxe.

A última xuntanza programática celébrase na sede de Esquerda Unida (Rúa Amado Garra, 12) o sábado 25 de marzo ás 10h co gallo de acordar o programa de goberno nas áreas de mocidade, persoas maiores, cultura, deporte e animais. Manoel Ucha, candidato á alcaldía por Ponteareas en común, declara que “Seguimos traballando desde a participación da cidadanía e recollendo as súas necesidades.

Para preparar esta xuntanza programática envíamos unha enquisa á mocidade da vila, onde responderon máis de cento trinta mozos e mozas, coa cal obtivemos moitas ideas que imos ter en conta no programa de goberno. A escoita e a participación serán as nosas ferramentas para gobernar para e coas persoas.”

Este xeito de abrir o debate a calquera persoa do pobo que queira colaborar na elaboración do programa electoral, alén da súa militancia e simpatizantes, responde a ideoloxía social e colaborativa dos dous partidos, que queren que os seu programa sexa cen por cen transparente, escoite á cidadanía e presente solucións tanxibles e reais os problemas da vila, deixando de lado os panfletos cheos de promesas baleiras que soamente serven para facer campaña con fins populistas.

Dende Ponteareas en común recalcan que “As políticas de mocidade e xuventude son esenciais para artellar proxectos que fixen poboación na nosa vila e rematen, dunha vez por todas, coa marcha de mozos e mozas a vivir a outras vilas”.

Ponteareas en común anuncia que presentará a súa candidatura nun acto público o vindeiro 1 de abril ás 19h na sala multiusos do auditorio Reveriano Soutullo que presentará o ex-concelleiro e número catro da lista, Lino Costas.

Tamén  estarán presentes, Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, David Bruzos, que foi profesor no IES Pedra da Auga e actualmente membro de Podemos, Patricia Pardo e Manoel Ucha xunto ao resto de candidatos e candidatas da lista electoral.