Ponteareas e La Orotava conmemoran 40 anos de experiencias e tradicións compartidas

Recepción ás tres delegacións convidadas a participar no Corpus Christi 2023

Ponteareas | Ponteareas e La Orotava conmemoran 40 anos de unión, de experiencias e tradicións compartidas no Corpus. A alcaldesa da vila, Cristina Fernández, presidiu a recepción oficial ás delegacións convidadas este ano a participar no Corpus Christi 2023 coas catro décadas de irmandade coa vila tinerfeña moi presente.

“Aínda que somos concellos moi distintos, únenos unha tradición que fai que os sentimentos e as emocións afloren ao compartir o amor pola beleza efémera reflectida nas flores e areas de fermosas cores coas que se crean tapices reinventados e mellorados ano tras ano”, lembrou a rexedora na recepción.

En recordo deste 40 aniversario de unión Cristina Fernández entregou ao concelleiro de Festas da vila da Orotava, Alexis Pacheco, unha Menina de Sargadelos cunha placa conmemorativa destas catro décadas de irmandade. Ademais, agasallouse á Asociación de Alfombristas da Orotava cunha bandexa de Sargadelos que representa unha réplica dunha alfombra floral de 1970 deseñada por Ramón Gallego Prado en agradecemento á colaboración e aos traballos realizados ao longo dos 40 anos de unión.

Durante o acto a alcaldesa quixo destacar “a integración que cada unha das delegacións experimenta cando está na outra vila e o que supón de enriquecedor o intercambio de coñecementos e vivencias”. “Para min foi moi importante poder percorrer as súas rúas empedradas e tapizadas, aprender as técnicas propias usadas no seu alfombrado e contemplar a praza do Concello decorada coa area volcánica do Teide nunha espectacular imaxe imposíbel de poder describir e que aínda pervive na miña retina hoxe en día”, resaltou Fernández.

Na recepción tamén se fixo un recoñecemento á delegación italiana Infiorata Pietra Ligure, entregando ao vicepresidente da asociación, Andrea Bergallo, outra bandexa de Sargadelos en agradecemento á súa participación nesta edición do Corpus Christi.

A alcaldesa deulle a todas as delegacións a benvida “nunha data moi sinalada e agardada por toda a veciñanza e gardo que xuntos e xuntas poidamos gozar do ambiente de traballo para a elaboración dese quilómetro de percorrido de alfombrado floral que realizamos dende hai máis de 150 anos e que converte os nosos portais nunha caldeira de coñecementos e vivencias”. As e os representantes da delegación de Monçao e da Associazione Infioritalia incorpóranse ao longo do día de hoxe á celebración.

“Agardamos que desfrutedes con nós da noite na que ninguén durme, na que se realizan verdadeiras obras de arte grazas á colaboración de todo un pobo centrado na grandeza dunha tradición ancestral que forma parte do noso ADN e que pasa de xeración en xeración con moito orgullo”, salientou.

O Concello agradece ademais a inestimábel colaboración da Asociación de Alfombristas de Ponteareas, que ano tras ano traballan para que veciñanza e visitantes desfruten desta Festa de Interese Turístico Internacional.