Ponteareas deu a coñecer as gañadoras do certame “Remata o Conto”

Foron Teresa Ríos, Carmen Lemos e Laura Domínguez

Ponteareas | O certame de relatos breves Remata o Conto que organiza o Concello de Ponteareas, e a Federación de comercio, hostalaría e servizos de Ponteareas (Banastra) xa ten gañadoras. Teresa Ríos gañou o primeiro premio, Laura Domínguez o segundo, e Carmen Lemos o terceiro.

O concelleiro de Cultura e Lingua e membro de xurado, Fernando Groba, destacou a “calidade literaria, a orixinalidade, a corrección lingüística, e a adecuación ao tema” das tres gañadoras, e afirmou na entrega de premios que o seu traballo neste concurso “potencia a creación literaria entre a mocidade de Ponteareas. E iso é moi importante”.

O xurado do premio estivo formado por Manrique Fernández Vázquez, Raquel Castro, Fernando Groba Bouza e Sofía Rodríguez, que actuou como secretaria con voz e sen voto. E na entrega de premios, ademais do concelleiro de Cultura, tamén estivo presente Yolanda Carballido, presidenta de Banastra.

Remata o Conto é un certame con unha gran tradición na vila de Ponteareas, e que se convoca para coincidir coa celebración da Feira do Libro.

O edil destaca que ademais de apostar pola cultura literaria, tamén axuda ao comercio local premiando as persoas gañadoras con vales para investir en estabelecementos do concello.

SonDaRúa e MClan, protagonistas do Rock in Río Tea
Volve o rock a Ponteareas. SonDaRúa e MClan son os cabezas de cartel dunha nova edición do festival Rock in Río Tea, que se desenvolverá no parque da Feira Vella o venres 27 e o sábado 28 deste mes.

A Asociación Rock in Río Tea, o Concello de Ponteareas, e a Deputación de Pontevedra organizan este evento que terá entrada de balde, pero con aforo limitado. As persoas interesadas en asistir deberán solicitar unha praza a través dunha plataforma habilitada na rede.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, destacou que este festival é “indispensable na nosa axenda de verán”, e espera que, “como cada ano”, as persoas que asistan poidan desfrutar dunha cita con grandes grupos, entre os que se atopan Son da Rúa e MClan. “Probablemente, nas súas distintas edicións, este festival aglutina a mellor oferta gratuíta de música rock da provincia”, concluíu.

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, quixo agradecer o “gran labor das persoas da Asociación Rock in Río Tea para facer do festival unha realidade en tempos tan difíciles”, e asegurou que “sempre terán a axuda do Concello á súa man para promover a cultura entre a veciñanza”.

O festival comeza o venres 27 ás 20.00 horas coa actuación de GHZ. A continuación subirán ao escenario SonDaRúa, grupo de rap galego con orixe en Ponteareas. Para a organización é un orgullo “invitalos por primeira vez ao Rock in Río Tea. Tocarán na casa”, afirman. O sábado será a quenda de Eladio Santos, tamén ás 20.00 h, e a noite pechará por todo o alto ao ritmo de MClan.