Ponteareas deu a coñecer aos gañadores dos seus VI Xogos Florais

No transcurso dunha gala da lingua na que se homenaxeou a Xela Arias

Ponteareas | A Concellaría de Cultura de Ponteareas deu a coñecer as e os gañadores dos VI Xogos Florais, con motivo da recente conmemoración do Día das Letras Galegas, no transcurso dunha gala da lingua na que se homenaxeou a Xela Arias, a quinta muller á que se lle dedica esta celebración.

As persoas premiadas no certame de poesía recibiron o seus agasallos (unha flor natural, unha figura de artesanía e o diploma acreditativo) da man dos membros do xurado, que estivo formado pola dramaturga Laura Porto Cabreiro, pola poeta Teresa Ríos Noya e polo concelleiro de Cultura, Fernando Groba Bouza.

Na categoría xuvenil, os traballos galardoados foron: “Síntoo adolescencia”, de Anxo Rodríguez Rodríguez; “Limerencia”, de Jennifer Abal Da Silva; e “Crecemos onde existimos” de Sabela Martínez Viéitez. E, na categoría de adultos, os poemas: “Antes da túa fala”, de Jonatan Jorge Guille; “Nai vaca”, de Ana Fernández Melón; e “A toba” de Xosé Manuel Martínez González.

“Os membros do xurado tivemos unha tarefa difícil pola calidade, a creatividade e a frescura dos poemas presentados en ambas as categorías”

“Os membros do xurado tivemos unha tarefa difícil pola calidade, a creatividade e a frescura dos poemas presentados en ambas as categorías. Foron decisións moi debatidas mais que nos encheron de ledicia por coñecer novos talentos e novas voces que enriquecen a nosa lingua e o noso sistema literario“, sinalou Groba.