• Segue conectado
  • |

Ponteareas dá preferencia aos peóns no centro urbano para garantir o distanciamento social  

Ponteareas | Trala peonalización dos sábados e festivos iniciada a pasada semana a concellaría de Mobilidade e Tráfico que dirixe Roberto Mera dá un paso máis e adopta novas medidas de apoio á mobilidade peonil para garantir o distanciamento social na crise sanitaria. O concelleiro de Mobilidade e Tráfico lembra que “a rede peonil de Ponteareas é raquítica, ocupa só o 28% do espazo público fronte ao 72% que acapara o vehículo a motor. Este goberno tiña como obxectivo prioritario cambiar esta situación e a crise sanitaria obríganos agora a adiantar moitas das medidas previstas para os vindeiros anos”.

Os peóns deberán camiñar pola dereita, a velocidade dos vehículos limítase a 20 km/h e os condutores deberán conceder prioridade aos peóns en calquera punto da calzada. Amplíanse as zonas peonís.

A nova medida será adoptada o luns a través dun bando do Alcalde Xosé Represas e consiste en cualificar as vías municipais do centro urbano como rúas residenciais. Esta declaración conleva a limitación da velocidade dos vehículos a motor a 20 km/h. Ademais, os condutores deberán conceder prioridade aos peóns e estes poderán utilizar a zona de circulación aínda que non deben estorbar innecesariamente aos vehículos. Os coches e motos poderán continuar estacionando nos lugares habilitados como aparcamento, agás nas zonas que se ampliarán para o tránsito peonil.

Complementando esta medida, establécese ademais que os peóns deberán camiñar pola beirarrúa da súa dereita. En consecuencia, a maioría das beirarrúas de Ponteareas serán de sentido único, pero os peóns poderán en calquera punto da calzada cambiar o seu sentido de circulación ou acceder a edificios ou establecementos situados no lado oposto. “Recomendamos que se o traxecto non é moi longo, se atravese nos pasos de peóns, pero os viandantes poderán acceder á calzada en calquera punto con coidado e os condutores deberán circular a 20 Km/h extremando as precaucións e respectando a preferencia dos peóns”, sinala Mera.

Dúas vías quedan excluídas desta regulación. Por unha banda a N-120 de titularidade estatal e, por outra, a Avenida de Castelao, de titularidade autonómica. Nesta rúa, non haberá preferencia peonil na calzada, pero a anchura das beirarrúas permite a circulación con seguridade nos dous sentidos. Con todo, o goberno local recomenda facelo pola dereita. O Concello solicitou esta semana á Xunta reducir a velocidade máxima de 50 a 30 km/h tal e como prevé o Plan de Mobilidade recentemente entregado ao Concello así como o sobreelevado de todos os pasos de peóns para o calmado da circulación.

As vías de plataforma única como Oriente, Esperanza, Enrique Troncoso ou Rogelio Groba manterán o seu carácter peonil.

O concelleiro sinalou que nos vindeiros días instalarase a sinalización tanto vertical como horizontal que recolle a nova regulación. Ademais, engadíu que “estamos revisando todos os itinerarios peonís para que teñan continuidade. Onde non hai beirarrúas ou son escasas estamos creando pasos peonís delimitados”. É o caso de tramos de Emilio Rodríguez, Amado Garra, Rúa Redondela, Concha Brey, Carballos, Castañal, Paseo Matutino, Constitución ou Castiñeira, entre outros, onde se están comezando a delimitar espazos para o paso de peóns e zonas de estancia para as quendas dos establecementos. A medida de coexistencia entre peóns e vehículos implicará o mantemento da meirande parte das prazas de aparcamento.

Mera adiantou que as seguintes fases de actuación a implementar progresivamente nos vindeiros meses irán referidos a dar seguridade a todos os pasos de peóns, crear novos aparcamentos periféricos e reordenar os sentidos de circulación de diferentes rúas. No primeiro caso os pasos de peóns disporán, como marca a normativa, de 10 metros libres de atrancos visuais como colectores ou coches estacionados. Respecto aos aparcamentos periféricos prevese ao longo do ano a creación dun novo aparcamento con varios centos de prazas e a ampliación do de Granitos de Galicia. E en canto aos sentidos de circulación reordenaranse dacordo co previsto no Plan de Mobilidade para gañar espazo a favor dos peóns e evitar o chamado tráfico de axitación, vehículos que en lugar de estacionar nos aparcamentos exteriores entran no centro e dan voltas de forma continua.

 

 

 

Publicado o 8 Mai 2020 en Ponteareas, Portada, Seguridade Cidadá.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies