Ponteareas pide a creación dun Instituto Galego das Mulleres

Moción para esixir medidas á Xunta de Galicia e o goberno estatal con motivo do 8M

Ponteareas | A desigualdade entre homes e mulleres é un problema estrutural que esixe unha resposta social unánime, por iso, este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello quere dar novos pasos “no recoñecemento dos dereitos conquistados e levar adiante accións concretas e específicas destinadas a blindar, garantir e defender os dereitos das mulleres, promovendo a igualdade entre homes e mulleres fomentando a mudanza de valores, rachando co actual modelo de relación sexista e avanzando nun modelo de relacións simétricas, algo prioritario para o Concello de Ponteareas”, como salientou a concelleira de Igualdade, Verónica Carrera.

Neste camiño, o Goberno municipal aprobou este martes en pleno diferentes mocións con diferentes medidas dixiridas a conseguir unha igualdade real e efectiva. Ademais de amosar o seu apoio ás mobilizacións convocadas polo feminismo galego o 8 de marzo en defensa dos dereitos das mulleres e o seu compromiso por promover a igualdade, o Concello aprobou por maioría unha moción do BNG na que se insta á Xunta de Galicia a crear un Instituto Galego das Mulleres para deseñar, impulsar, asesorar e avaliar as políticas de igualdade e promover a sensibilización entre a sociedade.

Pedirase ademais a posta en marcha dunha unidade de saúde integral das mulleres que permita incorporar o enfoque de xénero á atención sanitaria e unha Valedoría das Mulleres con capacidade para sancionar de forma administrativa a aquelas empresas que cometan accións de discriminación salarial ou profesional por cuestións de xénero. A extensión do protocolo do Partido Xudicial de Santiago para impedir a revitimización das mulleres vítimas da violencia sexual durante o proceso xudicial ou elaborar un plan de extensión dos servizos públicos en materia de coidados son outras das peticións incluídas.

Nese obxectivo de blindar dereitos é tamén importante garantir un correcto funcionamento dos Centros de Información á Muller en Galicia, que fan un importante labor en defensa da igualdade dándolle apoio e soporte a milleiros de mulleres. Un labor “exemplar pero que presenta eivas ou aspectos susceptíbeis de mellora, como recolle o informe da FEGAMP, como a falta de recursos, sobre todo humanos”.

Por iso, o Goberno municipal tamén aprobou por maioría unha moción do PSOE para instar á Xunta a elaborar en colaboración coa propia FEGAMP unha estratexia para estender a rede de centros a todo o territorio galego, xa que agora só está presente no 60% dos concellos.

O Concello solicitará ademais incrementar o orzamento con fondos propios das liñas de axudas destinadas a sufragar o gasto de persoal e funcionamento, modificar o decreto de funcionamento dos CIM para incorporar por exemplo a figura de axente de igualdade, regular as necesidades cuantitativas e cualitativas das e dos profesionais con criterios obxectivos ou que estableza que ningunha muller teña que desprazarse a máis de 15km do seu domicilio para ser atendida.

A ciencia centrou outra das mocións aprobadas este martes en pleno, presentada polo Partido Popular, na que se recolle que o Concello dentro das súas competencias poida elaborar un estudo sobre mulleres referentes do municipio no ámbito das ciencias, a tecnoloxía e as matemáticas para visibilizalas e colaborar coas asociacións de mulleres locais para promocionar a figura destas veciñas referentes.

Con esta moción se busca tamén solicitar á Xunta e ao Goberno estatal que tome medidas para impulsar as vocacións científicas entre nenas e mozas, promover a corresponsabilidade e a conciliación, reactivar a Unidade de Mulleres e Ciencia ou o Observatorio Mulleres, Ciencia e Innovación para implantar a perspectiva de xénero nas políticas científicas e analizar a situación actual ou aprobar á maior brevidade o Plan de Igualdade de Xénero e non discriminación en Ciencia, Tecnoloxía e Innovación.