Ponteareas aproba con amplo consenso o Regulamento Orgánico Municipal

Permite regular a celebración dos plenos e os dereitos e deberes dos membros da Corporación

Ponteareas | O Concello de Ponteareas deu luz verde en pleno, cos votos de BNG, PSOE e PP e a abstención de ACIP, á aprobación inicial do Regulamento Orgánico Municipal (ROM), unha norma xurídica que establece as regras do xogo democrático no ámbito local regulando aspectos como a celebración dos plenos ou os dereitos e deberes dos membros da Corporación.

“O Regulamento é o resultado dun proceso de negociación entre os grupos municipais que concluíu cun documento consensuado por BNG, PP e PSOE”

O Regulamento é o resultado dun proceso de negociación entre os grupos municipais que concluíu cun documento consensuado por BNG, PP e PSOE. O Concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, Roberto Mera, salientou que “se aceptaron a práctica totalidade das propostas do PP, único grupo que fixo achegas ao borrador inicial”. Mera engadiu que “con este amplo respaldo as regras de funcionamento do pleno quedarán fora da discusión política e serán duradeiras e estábeis no tempo”.

O Regulamento Orgánico Municipal regula o funcionamento dos órganos colexiados municipais, especialmente do Pleno, determinando a duración das diferentes intervencións, a confección da orde do día das sesións, os dereitos de participación e información dos membros da corporación, os métodos de control ao goberno e figuras de nova creación coma o debate anual sobre o estado do Concello.

“O Regulamento Orgánico Municipal regula o funcionamento dos órganos colexiados municipais, especialmente do Pleno”

Outra das novidades fundamentais que incorpora este documento é a regulamentación do funcionamento dos órganos municipais colexiados por medios electrónicos e telemáticos, “que carecían de regulación no noso concello e que a pandemia evidenciou como unha necesidade de primeira orde”. “Era precisa unha cobertura xurídica clara e encadrada no resto de ordenamento xurídico, e este novo Regulamento Orgánico Municipal dá resposta a esta necesidade”, asegurou Mera.