Ponteareas amplía os espazos para os peóns

Peonalizado o primeiro tramo da rúa Paseo Matutino e ampliada a rúa Rogelio Groba

Ponteareas | O Concello de Ponteareas continua habilitando novos espazos para os peóns na vila. Tras crear máis dun quilómetro de itinerarios peonís durante o mes de maio, a Concellaría de Mobilidade e Tráfico que dirixe Roberto Mera adoptou novas medidas dirixidas a recuperar espazos para as persoas.

Por unha banda peonalizouse completamente a rúa Paseo Matutino no seu primeiro tramo entre Avenida de Galicia e a rúa Castañal. Trátase dunha rúa humanizada hai aproximadamente ano e medio onde existe un considerábel número de locais de hostelaría. Con esta medida amplíase a superficie dispoñíbel para os peóns e facilítase a instalación de terrazas respectando as distancias de seguridade. “Queremos que a xente camiñe con comodidade e seguridade e ao mesmo tempo apoiar aos pequenos negocios que están sofrendo gravemente as consecuencias desta crise sanitaria”, sinalou Mera. Para acceder en vehículo desde a Avenida de Galicia ao resto do Paseo Matutino habilitouse un novo itinerario paralelo a través da rúa Domínguez Benavides, onde agora se permite o xiro á dereita para continuar por Paseo Matutino.

Por outra banda, a Concellaría de Mobilidade e Tráfico ampliou a rúa peonil Rogelio Groba incluindo a zona situada diante do Concello. “Coa actuación realizada este espazo, moi transitado, recuperouse para a xente, mellorando ademais o aspecto do entorno do Concello, moi degradado pola ocupación masiva con vehículos ao longo do día”, explica Mera. Agora, a esta zona poderán acceder só vehículos municipais exclusivamente para cargas e descargas, en ningún caso para estacionar de maneira permanente. Ademais, reforzouse o control policial nesta rúa á que só poden acceder taxis, residentes e transportistas para carga e descarga. “Comprobamos que sistematicamente algunhas persoas, por comodidade, invaden co seu vehículo a zona peonil para actividades como acudir a un banco ou a un caixeiro. A Policía Local actuará con rigor para garantir os dereitos dos peóns a camiñar con seguridade e desfrutar do espazo público”, advertíu Mera quen lembrou que “existen amplos aparcamentos a moi poucos minutos da Casa do Concello”. A concellaría ten ultimada unha nova regulación para a rúa Rogelio Groba, que conlevará a entrega de autorizacións a residentes e comerciantes para acceder en certos supostos e con límites de tempo.

Mera anunciou que a concellaría traballa xa nun amplo número de novas medidas que conlevarán a creación de novos espazos para a xente e unha mellor regulación do tráfico rodado.