Ponteareas acolle unha nova edición do Festival Algazara “Danzando entre Culturas”

Este 23 de xullo con participación de grupos de Venezuela, Filipinas, Sudáfrica e Galicia

Ponteareas | O folclore internacional volve ter unha cita en Ponteareas este mes de xullo. O vindeiro domingo 23 o parque da Feira Vella acollerá unha nova edición do Festival Internacional Algazara ‘Danzando entre Culturas’, un encontro organizado pola Agrupación Folclórica Algazara en colaboración co Concello que reunirá a grupos de diferentes países e continentes que encherán de danza e música a noite ponteareá.

O festival comezará ás 22.00 horas e contará coa presenza e participación de grupos folclóricos de Venezuela, Filipinas e Sudáfrica, que coas súas actuacións porán a nota de cor nunha noite na que a música galega tamén estará presente coa participación da propia Agrupación Folclórica Algazara. A entrada será de balde.

O Concello agradece á Agrupación Folclórica Algazara o seu traballo e implicación para organizar ano tras ano un festival que busca internacionalizar a música tradicional e achegar ao público a outros lugares do mundo a través dun festival atractivo, novidoso e próximo.

Nestes 26 anos de historia, a agrupación ponteareá promoveu a recuperación e difusión do folclore tradicional da comarca do Condado e de Galicia participando en numerosos festivais por toda España.