
Ponteareas | O Concello de Ponteareas vén de abrir o prazo para solicitar as novas axudas municipais ao estudo para o curso 2026-2027, cunha importante novidade, xa que a convocatoria incorpora unha liña específica de axudas para gastos derivados de servizos profesionais de apoio educativo e terapias especializadas, como logopedia, pedagoxía terapéutica (PT), reforzo psicopedagóxico e outros tratamentos similares, dirixidos ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
As axudas municipais están dirixidas ás familias empadroadas en Ponteareas con menores matriculados en Educación Infantil (4º, 5º e 6º), Formación Profesional Básica, Ciclos Formativos ou Bacharelato, contemplando, como novidade, a liña para necesidades específicas de apoio educativo pero tamén a liña para axuda nos gastos destinados á adquisición de libros de texto e material escolar.
O concelleiro de Ensino, Ricardo González, destacou o compromiso da concellería por “adaptar os recursos á realidade das necesidades”, ofrecendo axudas directas e facilitando a tramitación administrativa para apoiar ás familias na carga económica do inicio de curso. González engadiu que a coordinación entre as axudas de estudo e as novas terapias especializadas “optimiza os recursos públicos para ofrecer unha cobertura integral e eficaz”.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que “esta nova convocatoria vai moito máis alá dunha simple axuda económica. Agora tamén estamos apoiando ás familias que realizan un enorme esforzo para que os seus fillos e fillas reciban as terapias que necesitan”. A rexedora local foi contundente ao afirmar que “non queremos que ningunha nena ou neno deixe de acceder a un tratamento por motivos económicos e seguir avanzando cara a un concello máis inclusivo, onde todos teñan as mesmas oportunidades para aprender e desenvolver todo o seu potencial”.
En números
A convocatoria conta cun orzamento total de 20.000 euros. Deles, 8.000 euros resérvanse inicialmente para as terapias especializadas e 12.000 euros para a adquisición de libros e material escolar. Ademais, establécese un sistema flexible que permitirá trasladar os fondos sobrantes dunha liña á outra, garantindo que ningún euro quede sen utilizar e que o maior número posible de familias poida beneficiarse destas subvencións.
Para acceder ás axudas para nenos con necesidades específicas de apoio educativo será necesario acreditar a situación mediante informe do departamento de orientación, certificado de discapacidade ou informe médico oficial, así como presentar a documentación acreditativa dos gastos realizados durante o curso 2025/2026.
Cada alumno poderá recibir ata 100 euros para sufragar eses gastos, unha contía que poderá acumularse con outros 100 euros destinados á adquisición de libros de texto e material escolar, permitindo que unha mesma familia poida percibir ata un máximo de 200 euros por estudante sempre que cumpra os requisitos establecidos nas bases.
As solicitudes poden presentarse ata o 30 de setembro de 2026, utilizando o modelo normalizado dispoñible na Sede Electrónica do concello de Ponteareas.
O BNG reclama completar o cadro de profesorado para educación de calidade
A candidata á Alcaldía de Ponteareas e deputada do BNG no Parlamento Galego, Cristina Fernández, anunciou a iniciativa que o BNG presentará no Concello e no Parlamento para esixir á Xunta que complete os cadros de profesorado e especialistas dos centros educativos de Ponteareas, tras comprobar que as dotacións asignadas para o curso 2026/27 son insuficientes para manter a atención educativa que precisa o alumnado.
Fernández Davila advertiu de que, malia o anuncio da Xunta de contratar 900 docentes para facer efectiva a redución do horario lectivo do profesorado de secundaria, “ese reforzo non chegou aos centros”. Como consecuencia, denunciou, perderanse reforzos e desdobres, reducirase a atención ao alumnado con necesidades específicas e, nalgúns casos, materias serán impartidas por profesorado doutras especialidades.

Como exemplo, sinalou a situación do IES Pedra da Auga, que precisaría cinco docentes máis para compensar a redución horaria, pero manterá o mesmo cadro de persoal que o curso pasado. “Isto suporá perder reforzos e dificultará a atención ao alumnado máis vulnerable, ademais de obrigar a asignar materias a profesorado doutras especialidades”, advertiu.
A deputada nacionalista tamén alertou das carencias existentes nos centros de infantil e primaria de Ponteareas, onde continúan sen cubrirse prazas de Inglés, Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, Orientación e persoal de apoio nos CEIP As Veigas, Fermín Bouza Brey, Mestre Ramiro Sabell Mosquera, Feliciano Barrera de Guláns e Santiago de Oliveira.
Para Cristina Fernández, “a Xunta está obrigando aos centros a organizar o próximo curso con menos recursos dos necesarios, poñendo en risco a calidade da educación pública e a atención á diversidade”. Por este motivo, o BNG presentará iniciativas no Concello de Ponteareas e no Parlamento Galego para instar á Consellaría de Educación da Xunta de Galiza a atender as demandas trasladadas polas direccións dos centros educativos de Ponteareas e completar de maneira urxente os cadros de profesorado e especialistas, garantindo unha atención educativa adecuada para todo o alumnado desde o inicio do curso 2026/27.




