“Ponte Solidario” denuncia omisión de responsabilidades por parte do goberno de Ponteareas

En materia de Servizos Sociais e loita contra a pobreza

Ponteareas | “Ponte Solidario” denuncia a actitude mostrada por parte do goberno local no último Consello Sectorial Social celebrado o pasado 23 de marzo. As representantes do BNG e do PSOE mostraron unha actitude clasista impropia de representantes públicos culpabilizando ás persoas da súa situación de pobreza material e utilizando termos como “reeducar”.

O noso colectivo, que leva traballando dende o ano 2013 en materia de vivenda e presentou no ano 2015 un Informe de Mínimos que incluía medidas concretas en materia de habitacionalidade que foi apoiado polo actual goberno, informou á concelleira de Benestar Social no pasado mes de agosto da situación de extrema gravidade de quince persoas da vila que se atopan en situación de senfogarismo.

Desde entón a Concellería de Benestar Social non fixo nada para aportar solucións e estas veciñas e veciños seguen a padecer a vulneración dos dereitos humanos. A única solución proposta é a eterna promesa das “casas dos mestres” cunha ordenanza de uso que limita e vulnera os dereitos fundamentais das futuras persoas usuarias. “Ponte Solidario” non vai tolerar a estigma, a culpabilización e a revitimización das nosas compañeiras e compañeiros en situación de exclusión social.

O anterior goberno do Partido Popular normalizou a pobreza en Ponteareas e aplicou medidas caritativas froito de tempos pasados que agravaron a realidade social da vila. O bipartito vai polo mesmo camiño consecuencia da súa inacción e aplicando unha mirada que entende os Servizos Sociais como un espazo asistencial e non como un servizo que garanta o cumprimento dos dereitos humanos desde unha perspectiva aberta e acorde a unha sociedade diversa.

O noso colectivo leva anos denunciando que a maioría das unidades de convivencia que participan en “Ponte Solidario” teñen a hipoteca ou o aluguer como principal problemática e debera ser unha prioridade impulsar políticas públicas de vivenda que sexan motor de prevención da exclusión social e da pobreza material severa. A ineficacia das políticas estatais, nacionais e municipais en materia de inclusión social son as culpables de que veciños e veciñas se atopen nesta situación límite e sufrindo as consecuencias máis duras dun sistema social e económico que se acostumou a que existan miles de vivendas baleiras mentres moitas persoas dormen na rúa ou en vivendas sen condicións seguras.

A crise sanitaria, social e económica da COVID 19 supón un reponte significativo de persoas que se atopan na pobreza material severa, en situación de exclusión social ou sen fogar. “Ponte Solidario” mostrou neste ano a súa total colaboración para atallar con urxencia esta realidade e presentou medidas concretas á concelleira de Benestar Social que aportan unha solución inmediata, pero o goberno local en xeral e a concellería en particular seguen sen escoitar e sen actuar.

O goberno local debe entender a urxencia social, aportar e executar medidas concretas e evitar emprazar de forma sistemática a unha seguinte xuntanza que o único que consegue é dilatar as posibles solucións. “Ponte Solidario” reclama celeridade na acción, evitar a estigma e a normalización do senfogarismo e da exclusión social.