Ponte…nas Ondas! será avaliada pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI

Na 17ª sesión do Comité Intergobernamental que se celebrará en Rabat

Aldea Global | A candidatura de PONTE…NAS ONDAS! como modelo de boas prácticas co PCI foi presentada por Portugal e España, co apoio da Xunta de Galicia, en marzo de 2021. Contou co apoio de centros educativos, Universidades, Deputacións, Asociacións, Concellos e diversas entidades que emitiron declaracións a prol da inscrición.

Desde entón o expediente da candidatura foi pasando diversas revisións e agora está pendente do informe do órgano de avaliación da UNESCO.

Na 17ª sesión do Comité Intergobernamental que se celebrará en Rabat coñecerase a inscrición do “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial.

Ponte…nas Ondas” acreditada pola UNESCO para o PCI
A reunión anual do Comité (despois da pandemia) será presencial na capital de Marrocos e asistirán representantes dos Estados Parte, organizacións non gobernamentais, institucións culturais e outras partes interesadas de todo o mundo.

Unha delegación de Ponte…nas ondas! asistirá á sesión en calidade de ONG consultora para o PCI, a única entidade acreditada en Galicia desde 2015. En paralelo coas sesións do Comité desenvólvese o Forum das ONG que traballan co PCI.

O Foro de ONG dedicadas ao PCI é unha plataforma de comunicación, establecemento de redes, intercambio e cooperación creada por e para organizacións non gobernamentais acreditadas para prestar servizos de asesoramento ao Comité Intergobernamental no marco da Convención de 2003 para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial.

Desde 2012, o Foro de ONG dedicadas ao PCI organiza cada ano un simposio, que se celebra na véspera da reunión anual do Comité Intergobernamental. O principal obxectivo deste encontro é intercambiar información, examinar boas prácticas e iniciativas internacionais de salvagarda, establecer redes entre os representantes das ONG e os Estados Partes, e dar a benvida aos delegados das novas ONG acreditadas.

Así mesmo, as ONG acreditadas celebran unha reunión plenaria anual, na que se tratan cuestións internas e organizativas do Foro. Durante a semana na que se reúne o Comité, os grupos de traballo do Foro de ONG dedicadas ao PCI tamén celebran múltiples reunións diarias de traballo.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos