Ponte…nas ondas! convoca a IV edición do certame “As imaxes do patrimonio”

Dirixido ao alumnado, incorporando o apartado de podcasts

Vigo | Ponte…nas ondas! convoca a cuarta edición do Certame “As imaxes do patrimonio”, unha iniciativa que consiste en que o alumnado dos centros educativos envíe fotografías antigas xunto cun texto explicativo. Ademais, nesta ocasión contémplase unha nova categoría de podcasts.

Voces para as imaxes
A novidade desta 4ª edición está na creación dun apartado para podcasts sobre as imaxes. Unha forma de participar na que o alumnado terá a oportunidade de preguntar ás persoas relacionadas coas fotografías, familiares, veciñanza, etc. sobre as instantáneas e o seu contexto.

O Certame pretende que este patrimonio que se encontra depositado nas familias sexa transmitido ás novas xeracións para que teñan un coñecemento das súas orixes e do seu patrimonio. Con estas imaxes terán acceso a unha boa parte de expresións culturais que xa desapareceron ou que xa son descoñecidas para os máis xoves.

O patrimonio inmaterial é constituído principalmente por coñecementos, técnicas, formas de organización ou de expresión colectiva xunto coas manifestacións festivas e familiares. Está localizado nas prácticas da vida cotiá que son realizadas polo membros da sociedade e que teñen nas familias os núcleos básicos.

A cultura inmaterial é aquela que é vivenciada polas persoas portadoras e como tal está documentada desde os inicios da fotografía.

As imaxes dos álbums familiares conteñen moitas destas manifestacións e vivencias que poden ser descoñecidas polo alumnado dos centros educativos. Neste labor de transmisión e vivencia das imaxes é necesaria a implicación da familias para axudar a comprender os contextos onde se produciron as expresións culturais documentadas.

O certame
Está dirixido aos centros educativos de Galicia e Portugal e tamén a aquelas asociacións ou entidades que, sen dereito a premio, queiran participar.

As categorías contemplan as diferentes etapas dos sistemas educativos de Galicia e Portugal. A entrega dos premios deste 4º Certame terá lugar o 16 de novembro de 2021 coincidindo co Día Mundial do Patrimonio.

Vinte e cinco anos de traballo en prol do patrimonio
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, organizadora do certame, leva vinte e cinco anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado tamén en anos anteriores nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial organizados pola Asociación.