Podemos Galicia esixe á Xunta axudas directas para as axencias de viaxes

Pide tamén unha contía suficiente para o pago dos seguros obrigatorios

Santiago de Compostela/Podemos Galicia | Podemos Galicia faise eco do malestar no sector das axencias de viaxes tralo anuncio por parte do Vicepresidente Primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, dun plan de axudas que exclúe á maior parte das axencias galegas.

“A Xunta esquece de maneira reiterada ás axencias de viaxes tanto do diálogo como na súa proposta de axudas, demostrando que carece dunha estratexia de rescate para o conxunto do sector turístico” sinala o Secretario Xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino.

Podemos Galicia acusa á Xunta de mirar para outro lado e obviar as perdas de entre o 80 e o 90 por cento dun sector, o das pequenas axencias, que inclúe a unhas 600 axencias galegas e, sen embargo, “emprega 1,2 millóns de € nunha liña de axudas que son un traxe a medida para unha minoría que non representa á realidade das axencias de viaxes do país”. Refírese así ao feito de que esta liña de axudas vai dirixida aos turoperadores e ás axencias de máis de 10 empregados e que os paquetes se vinculan ao Xacobeo e produtos que non forman parte da oferta da maioría de axencias galegas.

Lembra Podemos Galicia que as competencias en turismo corresponden ás Comunidades Autónomas e, sen embargo, a Xunta de Galicia non activou ningunha liña de axudas directas ao sector. Ademais, a formación incide no feito de que a Consellería desoe á maior parte do sector, negándose a recibilos. Só así se entende que a cantidade de 400.000 € destinada a facer fronte aos seguros obrigatorios de caución e RC sexa claramente insuficiente para cubrir as necesidades da maioría das axencias.

Podemos Galicia insiste en que o plan de choque debe incluír ao conxunto das axencias de viaxes, con axudas directas para que o sector resista os vindeiros meses e unha contía suficiente para o pago dos seguros obrigatorios, atendendo así a aquelas que están a sufrir o peor desta crise. “Se a Xunta só se senta coa parte minoritaria do sector, está condenando á maioría de axencias de viaxes galegas á desaparición”, conclúe Antón Gómez Reino.