Plataforma SOS Sanidade Pública denuncia “fake news” por parte do goberno galego

No referente á convocatoria da manifestación do vindeiro 12 de febreiro en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela/Plataforma SOS Sanidade Pública | Diante das irresponsables declaracións do Conselleiro de Sanidade, que atribúe ao “BNG a convocatoria da Manifestación promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, para salvar a Atención Primaria e a Sanidade Publica Galega” o día 12 de febreiro e que sairá dende a Alameda de Compostela ata a Praza do Obradoiro, nas que acusa á “Plataforma de ser un apéndice do Goberno Bipartito (PSOE e BNG)”, desde SOS Sanidade Pública queremos comunicar que:

1. Denunciamos esta información como unha “Fake News” do goberno galego destinada a crear confusión na opinión pública e profesional, que mostra a gran preocupación da Xunta pola mobilización social contra da política de destrución da Atención Primaria e do Sistema Sanitario Público en Galicia.

2. A convocatoria da Manifestación foi acordada de maneira unitaria pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia que agrupa máis de 30 Plataformas Locais, e 44 organizacións que inclúen organizacións sociais, veciñais, de pacientes e profesionais; ONGs, sindicatos (CIG, CCOO, UGT) e partidos PSOE, BNG, Podemos, EU, PCG, Mareas locais, etc.

3. A Plataforma é unha alianza social e profesional, de carácter apartidario, que leva anos defendendo a Sanidade Pública Galega fronte á política de desmantelamento e privatización da Xunta de Galicia, gobernada polo Partido Popular,  e propoñendo medidas para o seu fortalecemento e mellora.

4. A Manifestación do día 12 de febreiro, convocada por SOS Sanidade Pública apoia a Iniciativa Lexislativa Popular, na que levemos recollidas miles de firmas, para que o Parlamento de Galicia debata e aprobe un conxunto de medidas destinadas a frear o desmantelamento da Atención Primaria na nosa Comunidade Autónoma e abrir o camiño da súa recuperación.

Basta xa de mentiras e intento de manipulación por parte dun goberno do PP: ignorante, incompetente, mentireiro e incapaz de poder dar á cidadanía unha Sanidade Pública e de Calidade.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.