Plan de rehabilitación da Praza de Abastos e do Cárcere Vello de Tui

Cun investimento de 2 millóns€ dos fondos NextGenerationEU

Tui | Tui contará cun investimento de preto de 2 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia NextGenerationEU que posibilitarán a rehabilitación da Praza de Abastos e do Cárcere Vello. Ambas obras están nestes momentos en licitación e prevese que poidan comezan a executarse antes de que remate o ano.

Por unha banda as obras da Praza de Abastos sae a licitación por un importe de 1.127.306,66 euros. O prazo de presentación de propostas está aberto até o 5 de outubro a través da Plataforma de Contratación do Estado.

O proxecto a executar suporá a transformación integral da praza de abastos e a súa modernización e dixitalización. Na actuación mellorarase a envolvente do edificio, instalarase sistemas de aerotermia e aproveitarase a luz natural do lucernario co que se mellorará a eficiencia enerxética da praza, un aspecto no que redundará tamén a carpintería de alumiño RPT que se instalará así coma a iluminación de baixo consumo.

A praza estruturase en catro zonas. No extremo suroeste estará o acceso principal limitando coa nova zona exterior cuberta que se vai crear. No lado sureste haberá un acceso secundario, mentres a zona noreste terá vocación de servizos co acceso de carga e descarga.

Por último no noroeste crearase un local gastronómico e unha área polivalente que servirá de obrador e sala de formación e degustación para acoller cursos ou charlas. No centro da praza haberá unha illa informativa visible dende o acceso, que proporcionará información ás persoas que se acheguen a esta instalación. Entre os catro espazos plantexados crearanse percorridos para favorecer a interacción e a compra. Os postos dos praceiros e praceiras ocuparán o perímetro da zona central situando no medio unha zona de descanso con mesas e cadeiras.

Por outra parte están tamén en proceso de licitación o proxecto de rehabilitación do Cárcere Vello por importe de 550.004,43 euros por parte de Turismo de Galicia. As empresas interesadas poden presentar as súas propostas até o 3 de outubro.

Tras as obras, financiadas con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia NextGenerationEU, o Cárcere Vello recuperará a súa estrutura e imaxe orixinal para converterse Centro de Recepción e Atención de Peregrinos e Centro de Interpretación Histórico-Artístico.  O proxecto museográfico a realizar porá en valor o patrimonio e legado histórico de Tui. O edificio dotarase coa última tecnoloxía con de holografías e paneis interactivos que permitirán percorrer a historia tudenses. Amais será totalmente accesible grazas á instalación de elementos de mobilidade e paneis informativos adaptados para persoas con diversidade funcional e cognitiva. Contará cunha consigna para peregrinos e no patio crearase unha praza central que poderá gozar tanto a poboación local coma as persoas que visiten Tui.

O goberno municipal de Tui, co avance na tramitación destas dúas obras, destaca a aposta por “proxectos ambiciosos destinados a mellorar os equipamentos e os servizos da cidade”. Engaden que o investimento de case 2 millóns de euros nesta actuación é froito “do traballo de xestión e planificación realizado previamente na elaboración dos proxectos”, así como no traballo rigoroso realizado para poder concorrer as liñas de subvención das diferentes administracións.