
Ourense | O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao Concello de San Cristovo de Cea para visitar, acompañado do alcalde, José Luís Valladares, as instalacións da empresa Autocares Pérez S.A.; unha das 109 empresas da provincia de Ourense beneficiaria con máis de 100.000 euros das axudas concedidas pola Xunta para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada.
O delegado territorial explicou que do total da provincia de Ourense, 104 destináronse a achatarramento e as cinco restantes foron para a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono por un importe global superior aos 3,5M€. Manuel Pardo sinalou que estas axudas enmárcanse na orde do 30 de marzo de 2022, dirixidas a empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada ou empresas que realicen transporte privado complementario, co obxecto de transformar as súas frotas favorecendo a descarbonización e a aposta por tecnoloxías verdes.
“A finalidade destas subvencións -salientou o delegado territorial- é acelerar os investimentos claves para a sustentabilidade do transporte, co fin de impulsar melloras no sector. Desta maneira, pretende favorecer a descarbonización e mellora do aire nas cidades mediante a renovación das frotas de vehículos, excluídos os de titularidade pública”.
Estas axudas, inicialmente encadradas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiadas pola Unión Europea-NextGenerationEU, foron reforzadas cunha ampliación de crédito con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para dar resposta á alta demanda do sector. As subvencións son xestionadas polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e abranguen catro liñas de actuación diferentes: o achatarramento de vehículos; a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono; a implantación de infraestruturas de recarga de vehículos; o retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias.




