Plan de Desenvolvemento Turístico e Cultural da Fortaleza de Monterrei

Beneficiarase dos fluxos de visitantes da Vía da Prata e a proximidade con Portugal

Ourense | A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, participou xunto aos deputados provinciais Rosendo Fernández e José María Lago, no acto de presentación do Plan de Desenvolvemento Turístico da Fortaleza de Monterrei, onde destacou este monumento histórico como un elemento clave para a dinamización socioeconómica da comarca de Verín e do conxunto da provincia.

Este proxecto busca articular un modelo turístico de calidade, sostible e non estacional, centrado na historia, na paisaxe e na cultura. Neste sentido cabe destacar que a Fortaleza de Monterrei reúne condicións estratéxicas excepcionais: a súa vinculación directa á Vía da Prata e a cercanía con Portugal, sitúan a este enclave nunha posición privilexiada para captar visitantes, explicou Menor.

Rehabilitación e traballos de mantemento
As obras realizadas neste enclave, o seu positivo impacto e o esforzo inversor da Xunta de Galicia (máis de 20.000 metros cadrados de obras e un orzamento de 14 M€ financiados a través do Plan Xacobeo Next Generation) permitiu a recuperación estrutural de enclaves singulares como o Cuartel de Infantaría, o antigo Concello e o Colexio de San Xoán, ademais da mellora dos servizos básicos de saneamento, subministración eléctrica e telecomunicacións da contorna.

Este proxecto de rehabilitación e aproveitamento público responde ao obxectivo de consolidar a comarca de Verín como un enclave cultural e turístico sustentable, vinculado aos itinerarios xacobeos e aberto a futuras sinerxías co tecido produtivo local. Ao fío disto, Marta Nóvoa lembrou o traballo que a Deputación de Ourense realiza de xeito continuado nas tarefas de mantemento, limpeza e control da vexetación do recinto para asegurar o seu uso público en condicións axeitadas.

Por último, a vicepresidenta primeira da Deputación agradeceu o traballo dos equipos técnicos e arquitectónicos responsables do proxecto, así como a implicación e a sensibilidade da veciñanza de Monterrei e de toda a comarca no coidado e difusión deste Ben de Interese Cultural. Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia e Xosé Merelles, director de Turismo, asistiron ao acto.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.