“Pinchotea” de récord en Ponteareas

A IV edición aumentou nun 10% a súa participación

Ponteareas | O Concello de Ponteareas fixo públicos os datos de balance da IV edición da ruta gastronómica “Pinchotea”, celebrada entre o 22 de outubro e o 8 de novembro de 2026. A campaña deste ano estruturouse de xoves a domingo, sumando un total de 12 días de promoción. Os datos do sistema reflicten un récord histórico de participación, cun incremento do 10% nas interaccións dixitais con respecto ás edicións anteriores. Este fito resulta especialmente significativo dado que este ano se acadaron estas cifras malia contar cun menor número de locais participantes. En total, computáronse 3.131 votos emitidos por 1.166 votantes únicos, cunha media de consumo de 2,7 pinchos votados por persoa.

Este volume de votos traduciuse nun impacto directo na facturación da hostalaría local, alcanzando rexistros nunca vistos na vila: algún dos establecementos participantes chegou a vender máis de 1.200 pinchos durante o período promocional, o que consolida a rendibilidade desta cita. O público volveu premiar o esforzo culinario cunhas valoracións excelentes: as mulleres cualificaron a ruta cun 8,64 sobre 10 e os homes cun 8,45. A procedencia dos participantes consolidou o evento como un polo de atracción comarcal. Ponteareas concentrou o groso con 2.422 votos, pero captáronse importantes fluxos de visitantes de Vigo (79), Mondariz (59), Salvaterra de Miño (55), Salceda de Caselas (33), Mondariz-Balneario (32), As Neves (27) e O Porriño (22). Os días fortes de consumo foron as fins de semana (especialmente o 23, 24, 30 e 31 de outubro), concentrándose o traballo nos locais entre as 20:00 e as 22:00 horas.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amosou a súa total satisfacción cuns resultados que consolidan o municipio como un referente. “Pinchotea bateu o seu propio récord e demostrou ser unha ferramenta inmellorable para apoiar directamente á hostalaría fóra da tempada alta. Quero felicitar os 12 locais polo seu gran traballo, así como ao xurado pola súa rigorosa avaliación, clave para elevar o nivel do certame”, subliñou a rexedora. Pola súa parte, o concelleiro de Comercio, Ricardo González, destacou o impacto económico e agradeceu a implicación da veciñanza. “Mobilizar tanto consumo en só 12 días e lograr que algún local supere os 1.200 pinchos vendidos confirma o éxito da campaña. Grazas a todos os participantes por responder á chamada e axudar a deitar cifras de negocio tan importantes para Ponteareas”, sinalou o edil.

Gala de peche
Como broche de ouro a esta exitosa edición, o vindeiro 27 de novembro celebrarase a gala de peche oficial de Pinchotea. Neste evento darase a coñecer publicamente o local gañador da ruta gastronómica deste ano e procederase ao sorteo de agasallos ao que optan todas as persoas que participaron nas votacións. Tan só en formato dixital hai rexistradas máis de 600 papeletas, unha cifra provisional á que haberá que sumar os boletos entregados en formato físico nos propios establecementos e que se están a recoller.

Destacar que a competitividade mantívose ata o último día, resultando como os dous establecementos mellor valorados e máis votados polo público O Túnel (544 votos) e La Preciosa (411 votos). A campaña contou coa implicación de 12 locais participantes que completaron a ruta gastronómica desta edición: O Túnel, La Preciosa, Vinoteca Casa Rivero, Balu, Papelón con Limón, Eira Vella, Tapería Berceo, Mama Fina, Cortiñas, A Tenda, El Montadito e Troll.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.