Persoal do Servizo de Axuda no Fogar de Tomiño recibe a primeira dose da vacina contra a Covid-19

Un total de 44 traballadoras que prestan coidados a 121 usuarios/as do municipio

Tomiño | Esta semana as 44 traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Tomiño recibiron xa a primeira dose da vacina contra o Covid-19. Así o comunicou a empresa adxudicataria do servizo, IDADES SL, quen informou que seguindo o Plan de Vacinación de Galicia o persoal de axuda a domicilio está considerado colectivo prioritario, converténdose neste xeito nas primeiras traballadoras fóra dos centros residenciais e do persoal sanitario en iniciar o proceso de vacinación.

O Servizo de Axuda no Fogar traballa diariamente no coidado de persoas en situación de dependencia, atendendo en Tomiño na actualidade a 121 usuarios/as. O programa inclúe servizos de fisioterapia, podoloxía, acompañamento, socialización ou o desenvolvemento de hábitos saudables, entre outras, que representan unha axuda indispensable no coidado de persoas maiores e enfermas.

Desde o Concello de Tomiño, malia ser unha competencia de ámbito autonómico, apostan decisivamente polo fortalecemento deste servizo así como polo investimento das políticas sociais, partida que pasou de 940.000 euros a case 1.150.000 nos orzamentos municipais do 2021, dos cales 750.000 van destinados ao Servizo de Axuda no Fogar.