Patricia Pardo será a “número 2” da lista electoral de EU Ponteareas e Podemos

Comprometida coas loitas feministas, o ecoloxismo e a defensa da clase traballadora

Ponteareas/EU-Podemos | A candidatura, encabezada por Manoel Ucha e Patricia Pardo, está formada por militantes das organizacións e persoas procedentes dos movementos sociais, apostando deste xeito por conectar a rúa coas institucións, algo fundamental no traballo cotiá deste espazo político.

Ambas organizacións acordaron por unanimidade que os seis primeiros postos serán ocupados por perfís moi diferentes, pero co propósito común de traballar pola mellora das condicións de vida das persoas e o respecto ao entorno. Esta candidatura pulará pola recuperación dos servizos públicos privatizados, como a xestión da auga,  a democratización da xestión municipal e a aposta pola igualdade real entre mulleres e homes colocando a vida e os coidados no centro.

Tras Manoel Ucha e Patricia Pardo, a lista segue con Pilar Ferreiro, licenciada en dereito e profesora de FP no ensino público. Coma cuarto candidato atopamos de novo a un vello coñecido das súas listas, o ex-concelleiro de Esquerda Unida Lino Costas, traballador do metal.

Segue a lista Jonathan Martínez, albanel e enlace de coordinación de Podemos en Ponteareas, e remata este novo anuncio Melca Ruiz, activista e profesora de Física e Química na escola pública. Deste xeito a lista que está conformando a coalición representa a variedade de perfís persoais que conforman Ponteareas, facendo desta forza política a máis próxima a realidade das necesidades da veciñanza.

Manoel Ucha, cabeza de lista da coalición, destaca “A capacidade de traballo, compromiso e talento das compañeiras e compañeiros que compartimos este espazo político. É fundamental contar coas mellores das xentes para pór en marcha un programa de goberno participativo, que recolle as inquedanzas e necesidades da poboación, cunha mirada posta na recuperación dos servizos públicos, na consolidación do espazo para as persoas desde unha mirada ecoloxista e que aposta por proxectos que colocan a vida e os coidados no centro”.

Para os seguintes postos a  coalición baralla nomes de persoas independentes con peso no tecido asociativo, na economía social e no ecoloxismo. Ademais, apunta o número un da lista  de Ponteareas que “É marabilloso contar coas garantías de dúas organizacións e de persoas independentes para defender as ideas que representa este movemento político”.