Parlamento galego pide que a UE censure a Noruega, Islandia e Illas Feroe pola súa actitude na asignación de cota de xarda

Tras aprobar por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular
A proposición non de lei aprobada polo Parlamento galego defende os intereses pesqueiros galegos na asignación de cota de xarda.

Santiago de Compostela/PPdeG | O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición no de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que censure diante da Unión Europea o comportamento dos gobernos de Noruega, Islandia e Illas Feroe na asignación de cota de xarda, así como para esixirlle que se adopten medidas equivalentes de sanción ante esta decisión unilateral.

“Resultaría inaceptable que aqueles que optaron pola confrontación internacional e por unha sobreexplotación insostible de recursos pesqueiros continúen comercializando no mercado europeo os mesmos produtos que están empobrecendo á frota galega”, indicou o deputado popular Alberto Pazos.

Na súa intervención, Pazos manifestou que as decisións tomadas por Noruega, Islandia e Illas Feroe “reflicten un deterioro das relacións pesqueiras entre ambas partes e supoñen un ataque á xestión sostible da pesca en todos os seus aspectos”.

“Esta actuación abusiva e oportunista merece unha resposta rápida, efectiva e contundente das institucións europeas e do Goberno de España, que está desaparecido en troques de esixir sancións para protexer a frota galega desta tropelía”, indicou.

Defender a frota galega
O deputado popular dixo que esta proposición non de lei “defende a legalidade internacional, a xestión sostible dos recursos mariños e un diálogo construtivo entre países para alcanzar acordos equilibrados en beneficio de todos”.

“Pero tamén defendemos, na nosa condición de representantes do pobo galego, os intereses da frota galega, que está sendo avasallada ante a absoluta indiferenza do Goberno de España”, sinalou.